En memoria de Carlos Macía Arce

Carlos Macía Arce (Foto: Rubén Lois).
Un profesor e un xeógrafo bo e xeneroso.

Na noite do 23 soubemos do falecemento do noso amigo Carlos Macía Arce, Profesor Contratado Doutor da Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela, en concreto de Didáctica das Ciencias Sociais, e membro do Comité de Empresa da institución, como cabeza de lista que foi da CIG polo colectivo de Contratados laborais. Morreu despois dunha penosa enfermidade aos 54 anos.

Carlos era santiagués de pro e estudou Xeografía nas aulas compostelás. Desde moi cedo interesouse por investigar a Xeografía xerada polas novas Tecnoloxías de Información e Comunicación (TICs) e as desigualdades territoriais que o acceso e a cobertura de internet xera na nosa sociedade, en especial en Galicia.

Sobre este tema fixo a súa Tese doutoral en Xeografía e publicou decenas de artigos e libros en galego, castelán e inglés. Conseguiu especializarse con estadías na irlandesa cidade de Cork, onde reforzou o seu querer polos países atlánticos ou célticos.

O seu traballo foi fundamental na realización de proxectos europeos como o SIESTA de ESPON, sobre as implicacións territoriais da Axenda Europea 2020 e mantivo unha participación constante no traballo do Grupo de Investigación Análise Territorial (ANTE) integrado no IDEGA da USC.

Accedeu a un posto de Didáctica das Ciencias Sociais en Lugo, colaborando co profesor Francisco Rodríguez Lestegás, e logo na Facultade e Educación de Santiago de Compostela.

A precarización dos contratos docentes por mor da crise da década do 2010 fíxoo integrarse con forza no traballo sindical, como activo membro a CIG, onde sempre reivindicou contratos laborais decentes, a estabilidade e a promoción no emprego.

Dirixiu varias edicións dun Mestrado on-line sobre Planificación Territorial en América Latina e foise decantando cada vez mais por estudos innovadores sobre o emprego das TICs no ensino da Xeografía e do Patrimonio.

Pero sobre todo Calos Macía era divertido, bo compañeiro e una persoa de fonda conciencia galega. Na universidade de Santiago botarémoste moito de menos.