A memoria dos barraxeiros de Samos

Lamas, parroquia de San Mamede do Couto

A peza de barro de Samos máis antiga da que hai constancia é de primeiros do século XVIII. Non hai máis escritos que acrediten a súa datación que o da propia ámboa, pertencente a unha colección particular. “Soi de R díez de Valcarce Vázquez y Quiroga / Franco antto Gómez me fecit en Samos en 18 de agosto del año 1706”. A inscrición, gravada no alto do corpo do recipiente, é unha das varias lendas que se conservan en olas, garrafas e barreñóns; os últimos, dos anos 50 do século pasado. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 328 de Sermos Galiza.

Na contorna do mosteiro beneditino de Samos xa non queda quen acorde as últimas fornadas dos louceiros da volta. No seu día concentraron a actividade oleira nos lugares de Romelle, Vilamelle, Lamas, Roxofrei, San Mamede do Couto, Lamartín, Loureiro e Lourido Grande; aldeas nas que aínda se poden ver restos dos fornos nos que cocían os cacharros. Mais non queda ninguén que fose testemuña directa do modelado das pezas de cerámica.

 

A padroa da casa de Sabino, en Roxofrei, lembra ter visto a roda onde traballaba o señor Pedro de Lulle e tamén o forno onde cocía os cacharros, pero toda a vida o acorda rodeado de hedras e silveiras. Os veciños de Romelle recordan as historias dos vellos que trataran a Antonio Barreal e como tardaba varios días en volver cando ía á feira da Ponte de Lóuzara. A memoria vívida do oficio acabou de esmorecer co pasamento de Carlos de Lamartín, hai un par de anos. Morreu con máis de 90. Sendo neno coñeceu a Manuel María de Capón, para quen tivo a ocasión de amasar o barro e mesmo de darlle ao torno algunha vez.

 

Pedro, Antonio e Manuel María son tres dos últimos barraxeiros, e as súas, algunhas das historias que Luís Hixinio Flores (Castro de Rei, 1960) e Orlando Viveiro (Outeiro de Rei, 1957) van fiando arredor da cerámica de Samos nun volume editado polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Durante dous anos investigaron as orixes da industria oleira e o legado dos artesáns. Andaron as aldeas e falaron coa veciñanza para tratar de poñerlles nome aos ceramistas, ás barreiras, aos obradoiros, aos instrumentos. Neste tempo recompilaron alcumes e lugares, pero tamén retrataron unha colección de olas, cuncas, pucheiras, xerras e meleiras que dan conta da calidade técnica e plástica dunha cerámica practicamente ignorada.

 

Formas tradicionais da cerámica popular. Samos é o título do libro que resgata a memoria dos louceiros da comarca, pero antes foino dunha mostra que se exhibiu en 2014 no Museo Provincial de Lugo máis no Museo do Pobo Galego. Aquela presentación fora consecuencia dunha exposición anterior sobre a tradición oleira en Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós; o auténtico xerme de todo este traballo de indagación. “Naquela mostra de 2013 apareceron unhas pezas de Samos moi descoñecidas” conta Orlando Viveiro, “e foi a súa singularidade o que nos animou a saber e a estudar o tema en profundidade”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 328 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]