Un membro do Comité clínico: “Madrid realmente é un problema para España”

Servizo de Emerxencias do Hospital Universitario de Lugo (Hula) (Imaxe: Europa Press).
"Mentres Galiza  toma medidas restritivas, Madrid divírtese”.

“Non entendo absolutamente nada. Madrid realmente é un problema para España. Mentres en Galiza Feijóo toma medidas restritivas serias baseadas na evidencia e recomendacións do comité clínico, en Madrid divírtense”. Así se expresou na súa conta de Twitter Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do Hula e integrante do Comité sanitario que asesora a Xunta sobre a pandemia de coronavirus.

O profesional sanitario contrapuña así a xestión que está a facer o Goberno galego ao madrileño, aplaudindo as decisións do primeiro e criticando o segundo, en dous territorios gobernados ambos os dous polo PP.

Na Galiza ás 00:00 horas da terza á cuarta feira entran en vigor as novas restricións e medidas propostas para Galiza polo comité sanitario.

Un paquete de medidas que se aplicará en todos os concellos do país sen distinción, polo menos durante tres semanas: desde a madrugada da terza á cuarta feira até as 00 horas do 17 de febreiro.

Dado que Galiza no seu conxunto pasa ao nivel máximo de restricións, todos os concellos veranse afectados polo fechamento individual, isto é, non se poderá entrar ou saír de ningún municipio agás por causas xustificadas: desprazamento por motivos laborais, educativos, sanitarios ou atención a persoas maiores, menores ou dependentes.