Mellora a situación nos hospitais malia a suba das infeccións activas polo coronavirus

Un traballador sanitario participa na realización dun cribado masivo con tests de antíxenos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Descenden tamén os novos contaxios a 137, unha cifra que segue a duplicar os rexistros de semanas anteriores debido aos casos asociados a viaxes de fin de curso a Mallorca.

O foco de coronavirus detectado entre alumnado de 11 centros de ensino da Galiza após viaxar a Mallorca para festexar o fin de curso removeu a evolución da pandemia na Galiza.

De entrada, o impacto maior obsérvase nos casos activos. Segundo o último balance facilitado pola Consellaría de Sanidade, ascenden a 1.413, 36 máis que un día antes. Con todo, os contaxios diarios descenden até os 137 e baixa, ademais a presión asistencial derivada da Covid-19.

A cifra de persoas hospitalizadas por coronavirus cae até as 42. En concreto, 30 doentes recupéranse en planta, cinco menos e 12 en unidades de coidados intensivos, un máis.

Por áreas sanitarias, a cifra global de ingresados tan só subiu en Lugo, A Mariña e Monforte e Ourense, Verín e O Barco. Ademais, os hospitalizados mantivéronse nas áreas sanitarias de Santiago e O Barbanza e Ferrol, e baixaron nas de Vigo, A Coruña mais Pontevedra e O Salnés.

Máis casos activos

O número de contaxios novos nas últimas hora volveu superar o de altas rexistradas e deixa un ascenso das infeccións activas até as 1.413.

Por áreas sanitarias, o aumento afecta ás de Pontevedra, que sobe até os 176 (+24) e Ourense, con 163 (+13). Con subas máis lixeiras, sitúanse as áreas de Santiago, con 131 casos (+6) e A Coruña, con 486 (+2). Mentres tanto, a de Lugo mantense con 191 infeccións activas.

Pola contra, os casos activos baixaron na área de Vigo, a 203 (-5), e na de Ferrol, até os 63 (-4).

En canto aos novos contaxios diarios detectados, 137, aínda por riba do centenar duplicando as cifras de semanas anteriores, 35 corresponden á Coruña, 30 a Pontevedra, 19 a Lugo, 18 a Vigo, 17 a Santiago, 15 a Ourense e 2 Ferrol.

Positividade

A taxa de positividade volve situarse por debaixo do limiar de 5% fixado pola Organización Mundial da Saúde, despois de que esta sexta feira excedese esa barreira, por primeira vez desde mediados de febreiro.

Mentres, a incidencia acumulada mantén a Galiza aínda en risco baixo ao non superar os 50 casos por 100.000 habitantes a 14 días. Nos últimos días amosa unha liña ascendente, máis sitúase en 47. A sete días é de 26, máis da metade dos casos rexistrados a dúas semanas, un dos indicadores de referencia para o comité clínico de expertos.

A Coruña e Pontevedra superan a 14 días a barreira dos 50 casos, con 76 e 59 respectivamente.

A cifra de persoas falecidas mantense en 2.435 desde o inicio da pandemia.