O mellor e o peor do 2016 en Galiza desde a perspectiva ambiental

Os premios Osíxeno e Dioxina que entrega Adega chegan á súa edición número 16.

Cada ano, e desde hai 16, a Asociación ecolóxica para a defensa de Galiza, Adega, entrega os premios Osíxeno e Dioxina, quere subliñar o millor e o pior do exercicio dende a perspectiva ambiental. Este ano, ademais, haberá un premio Osíxeno de honra co gallo dos 40 anos que fai Adega, galardón que vai para Ramón Varela Díaz, ex-presidente de Adega e científico experto en contaminación atmosférica. “O seu compromiso coa defensa do ambiente e do país fronte a agresións como nucleares e celulosas, continúa hoxe cun traballo excepcional e rigoroso sobre as fontes de contaminación industrial na Galiza”, afirma Adega.

Premios Osíxeno 2016.

En categoría individual vai para Patricia Gabeiras Vázquez, avogada do Comité Cidadán de Emerxencia para a ría de Ferrol, polo seu traballo en defensa da ría e da cidadanía e “contra as ilegalidades de Reganosa. Como resultado, conseguiuse a anulación por parte do Supremo da autorización da planta de gas e do proxecto de construción”.

Categoría colectiva: as mulleres de Ribeiregas, marca da cooperativa Ribeiras do Navia (Negueira de Muñiz) “por ir moito máis aló da produción ecolóxica de alimentos e contribuír co seu proxecto á revitalización das aldeas e a fixar poboación no rural galego”.

Premios Dioxina 2016

Categoría individual:  Alberto Platas Álvarez, alcalde de Aranga (A Coruña) “pola súa intención de desprotexer o 9% do seu territorio, con importantes valores naturais, para adicalo á plantación de eucaliptos”.

Categoría colectivo: os responsábeis políticos da Consellaría de Medio Rural, “pola súa total entrega ao lobby pasteiro-enerxético e o abandono no cumprimento da lexislación, favorecendo intencionadamente o caos normativo arredor do eucalipto”.