Caderno 'Máis'

A mellor colección fotográfica de embarcacións tradicionais, en xullo co 'Nós Diario'

Embarcacións arboradas navegan na ría de Muros durante a celebración do IX Encontro de Embarcacións tradicionais en xullo de 2009. (Foto: Xan G. Muras)
Coa chegada de xullo, acompañará 'Nós Diario' o caderno de verán 'Máis', que este ano incorpora unha sección fotográfica, da autoría de Xan Muras, que neste mes tratará sobre embarcacións tradicionais, baixo o título 'Un bosque no mar'.

Coa chegada de xullo, acompañará Nós Diario o caderno de verán Máis, que este ano incorpora unha sección fotográfica, da autoría de Xan Muras, que neste mes tratará sobre embarcacións tradicionais, baixo o título 'Un bosque no mar'.

Presentamos parte da gran diversidade de embarcacións tradicionais que no século XX e no que levamos do XXI foron creadas nas magníficas carpintarías de ribeira. Grazas ao grande esforzo e entusiasmo de persoas e colectivos, mantendo o valiosísimo legado das devanceiras, navegan e seguirán a vogar no azul estas fermosísimas obras de arte; un dos máis vistosos estandartes da cultura galega. Centos de embarcacións arboradas forman un vasto bosque móbel no que aniña a pardela. Agora sucando o mar, sucando o vento e pisando rúas e prazas; andamos á busca da esperanzadora ardentía, na profunda escuridade na que están sumindo o planeta.

Cando nos achegamos por primeira vez ás embarcacións tradicionais con atención, pronto nos dámos conta de que se trata "dun mundo". Este é o noso caso. Numerosas tipoloxías, dentro delas hai subtipoloxías, dependendo do porto ou da vila, hai particularidades. Cada carpintería pode ter unhas singularidades e incluso poderíamos falar de que cada persoa propietaria ten unha embarcación única, non hai dúas iguais. As diferenzas poden estar no casco, no arborado (mastro e velas), nas dimensións, e sen falta no nome. Cada embarcación coñécese polo seu nome.

As dimensións? Outro tanto. Hai quen as mide por metros e centímetros e outras persoas por cuartas. Cada tipoloxía mantense dentro duns parámetros xerais. Nos materiais dos que está construído cada barco, raras veces hai diferenzas. A estrutura da embarcación faise de madeira de carballo, o casco e a cuberta de madeira de piñeiro cortada en data e lúa. Escóllense árbores de crecemento longo, selecciónase a parte do cerne e táboas sen nós. Tradicionalmente, os carpinteiros escollen o piñeiro porque hai moito, é relativamente livián e as plantas da beira do mar, por caste e por ter un cerne máis duro, son óptimas.

E se falamos das cores do casco? Hai gustos e teorías. Hainos clásicos pintados con brea vexetal e aceite de liñaza. Modernos, pintados coas pinturas de cores que oferta o mercado. Tamén se vernizan. Para os contemporáneos, as persoas escollen o lasur á auga, porque a madeira chúpao, non forma capa que escache posteriormente, non contamina nin cheira, a capa é microporosa para a transpiración e deixa ver as vetas da madeira e a súa textura.

No arborado é común que haxa diferenzas dependendo do traballo ao que se dedicase cada embarcación, dos espazos polos que navegue (ría, mar aberto, río) e tamén depende do gusto de cada persoa. Pola feitura, as velas teñen diferentes nomes, de tal modo que a vela Asa de Pardela tamén é coñecida por Mística ou por Guaira. Sen saber, podo asegurar sen temor a trabucarme, que ha ter máis nomes. A vela Latina pode ter ou non martelo. A vela ao terzo. Tamén se pode arborar con vela de Relinga, con vela Cangrexa, Cangrexa e Foque ou con Cangrexa, Foque e Trinqueta; arborado de Capa; etc.

Hai xente observadora deste tipo de navegación que se queixa da falta de colorido nos arborados e quen o achaca ao noso "carácter gris". Un tópico. Bótase en falta simboloxía que fale de nós: dos petróglifos de hai 5000 anos, da cultura castrexa de hai 3.000, da medieval de hai 900, dos aspectos culturais que se forxan no século XIX e sobre todo atender á simboloxía contemporánea. Galiza, indefectibelmente vai xunguida ao Atlántico e ás súas culturas.

O pano das velas é unha superficie perfecta para contar e cantar do noso. Un espazo que destaca visualmente; non é nova a publicidade nas velas das embarcacións. Agora que todo é fuxidío, as velas poderían ser un espazo de permanencia no que, con pouco, pódese dicir moito. Animádesvos?

O mundo das embarcacións tradicionais está xunguido aos valores de protección do medio natural, ao convívio, ao lecer, á cultura e ao goce da xente grande e da cativada. Un mundo para quen ama o mar, un mundo para soñar.