Meirás, patrimonio público: un millar de visitas no primeiro mes de portas abertas

Visitantes nos xardíns do pazo de Meirás. (Foto: Concello de Sada).
O Pazo de Meirás recibiu máis de 1.000 visitas durante o mes de xullo, unha vez aberto ao público tras a sentenza do ano pasado que obrigou á familia do ditador a devolver o inmóbel ao pobo.

O Concello de Sada, encargado de xestionar as visitas ao Pazo de Meirás tras o convenio asinado pola Administracións implicadas na súa protección tras pasar a mans públicas, coordinou durante o mes de xullo un de 53 servizos guiados ao cargo do persoal técnico do Concello, o que posibilitou o acceso de 986 persoas ao Ben de Interese Cultural. 

Memoria

Este número supera as 1.000 persoas se se teñen en conta as visitas de carácter institucional e memorístico que correron ao cargo da Asociación Cultural Suárez Picallo de man dos expertos na construción sadense, Carlos Babío e o historiador Manuel Pérez Lorenzo. 

Os primeiros en visitar o Pazo tras a saída dos Franco foron represaliados sadenses da ditadura como Amable Carballeira, presos galegos do franquismo, como Xan Castro ou Xesús Díaz e familiares e achegados de destacados membros da loita franquista como Humberto Baena, Isaac Díaz Pardo ou Moncho Reboiras. 

O público en xeral procedeu na súa maioría de Galicia (55%) fronte ao 43% procedentes doutros territorios do Estado, encabezados por Madrid (33%), e un 1,7% procedente de países estranxeiros maioritariamente dos EUA (64%). 

Satisfacción 

Desde as Concellarías de Turismo e de Cultura da Administración local, recoñecen sentirse "satisfeitos" co éxito de público neste primeiro mes que superou todas as expectativas estabelecidas. A boa acollida das visitas representa, en opinión da concelleira de Turismo, Laura Rodríguez, "un interese crecente pola memoria histórica e polo coñecemento do espolio do patrimonio cultural galego que ven a subliñar a potencialidade do patrimonio histórico e cultural como recurso turístico e motor de desenvolvemento cultura para a vila de Sada". 

A reserva das visitas para agosto xa están completas ao igual que parte do mes de setembro. Polo momento, e dadas as restricións de capacidade provocadas pola pandemia de Covid-19, as visitas realízanse en grupos de 20 persoas de terza feira a domingo. 

Desde ambas as dúas concellarías esperan habilitar maís adiante o aceso libre aos xardíns ademáis das visitas guiadas programadas que están estudando reforzar coa incorporación de máis persoal. De cara o mes que vén, informa o Concello de Sada nun comunciado, tamén está prevista a posta en marcha dunha plataforma de reservas online que facilite a solicitude de visitas ás persoas interesadas.

Visitas guiadas

As visitas guiadas duran unha hora e media e percorren máis de quilómetro e medio polos exteriores do Pazo de Meirás, o vestíbulo e a capela do imbóbel. Tempo e distancia durante a clar terán acceso a unha contextualización histórica da construcións, sobre Pardo Bazán e as Torres de Meirás, o Meirás anterior a 1938, o pazo durante a ditadura franquista e un maior achegamento aos elementos de interese artístico-patrimonial e de interese botánico.