Tras Meirás, Cornide: Piden que se activen as accións xudiciais para recuperar o edificio coruñés en mans dos Franco

Unha imaxe da rolda de impresa desta segunda feira (Foto: BNG Coruña)

O BNG presentará no pleno do Concello unha moción promovida por diferentes entidades e colectivos para que este edificio retorne ao patrimonio público.

Após Meirás, a Casa de Cornide. O BNG aposta en lograr que as administracións se involucren para que este edificio en mans dos Franco e situado en plena zona vella coruñesa pase ao patrimonio público. Ao tempo, os nacionalistas queren que  Concello da Coruña se solidarice cos ‘9 de Cornide’, os nove activistas que van ser xulgados este 14 de outubro por unha denuncia da familia Franco.

O BNG realizou na mañá desta segunda feira unha comparecencia informativa diante da Casa Cornide para anunciar a presentación dunha iniciativa que será defendida no Pleno da vindeira quinta feira polo portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera.

A iniciativa  é unha moción que parte do impulso da Comisión Aberta de Defensa do Común, as asociacións veciñais a Cidade Vella, Oza-Gaiteira-Os Castros, Atochas-Monte Alto, Castrillón-Urbanización Castro, as forzas políticas BNG, Galiza Nova, PCG, Esquerda Unida, Marea Atlántica, o sindicato CIG, as asociacións culturais Alexandre Bóveda e O Facho e o Centro Social Gomes Gaioso, ben como tamén o Proxecto Cárcere.

Mercedes Queixas, deputada nacionalista, avanzou que o BNG levará o asunto ao Parlamento galego. “Faremos forza para se axilice canto antes a declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC)”, para que “canto antes conte co nível de protección necesario que asegure a súa protección e se repoña a súa disponibilidade para a cidade da Coruña, as coruñesas e os coruñeses”.

Que delito cometeron as 9 da Casa Cornide?”, comezou por se preguntar por súa parte, Francisco Jorquera. “Pois despregar unha faixa no balcón deste edificio. Os demandantes son a familia Franco. É dicir, os espoliadores. O mundo ao revés”.

É por iso, avanzou, que o BNG vai desenvolver unha campaña de apoio aos integrantes do colectivo ‘9 de Cornide’ que culminará o propio 14 de outubro, o día do xuízo, “cunha concentración diante do xulgado”.

Por súa parte, Elvira Branco, portavoz das persoas encausadas, afirmou sentir o apoio da inmensa maioría da sociedade galega. “Nin nós nin case ninguén entende como denuncias interpostas polos Franco por actos simbólicos se podan abrir paso e sexan compatíbeis no tempo con que o Goberno do Estado lle renove o ducado de Franco á neta do ditador ou que hoxe mesmo se publique no BOE a renovación do ducado de Primo de Rivera”.

Estas denuncias sobre nós e sobre as 19 persoas do Pazo de Meirás resultan especialmente lacerantes para todas as vítimas do franquismo. A nosa loita é unha loita pola memoria democrática”, subliñou.