Medtronic S.A., no corazón do Sergas

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, o CHUS, é un dos centros nos que opera o convenio entre a Consellaría de Sanidade e Medtronic S.A. [Imaxe: Sergas]
Nos meses de agosto e novembro de 2020 finalizan tres dos cinco convenios asinados entre a Xunta da Galiza e a multinacional estadounidense Medtronic, especializada en servizos e produtos sanitarios. A través dos mesmos a empresa cedeu tecnoloxía aos hospitais de Compostela, Vigo, A Coruña ou Lugo para acelerar a atención ás doentes. A Asociación de Pacientes do CHUS ou SOS Sanidade advirten de que se xera así unha crecente "dependencia" da multinacional, investigada por mala praxe.   

Entre os lemas da última mobilización na Galiza arredor da sanidade pública foron varios os que fixeron referencia á "privatización". "A Xunta de Feixoo segue facendo ouvidos xordos a este clamor e segue empeñada en transformar o sistema sanitario nunha oportunidade de negocio para as empresas multinacionais e para os fondos de investimento", leron nunha ateigada praza da Quintana Aurora Sola, voceira da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Monterrei, Quico Cadaval, Lucía Aldao e María Lado o 9 de febreiro.

Unha destas multinacionais é a estadounidense Medtronic S.A., que entre 2016 e 2017 asinou cinco convenios de colaboración co Servizo Galego de Saúde (Sergas); tres dos cales finalizan este ano coa posibilidade dunha prórroga.

En total, Medtronic asinou cinco convenios co Sergas

A asociación de pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, o CHUS, tratou daquela de acceder aos convenios en toda a súa extensión, pois a Consellaría de Sanidade non fixera públicos os seus anexos. Tras recibir unha negativa, as usuarias obtivéronos logo de recorrer perante a Comisión de Transparencia. O grupo parlamentar En Marea censurou entón a opacidade da Xunta.

Acordos de catro anos

Os convenios asinados entre Medtronic e o Sergas abranguen os Complexos Hospitalarios Universitarios da Coruña, o CHUAC; Santiago de Compostela, o CHUS; Lugo, o HULA; Vigo, o CHUVI e a organización sanitaria do propio servizo galego de saúde.

Os acordos gardan moitas similitudes entre si. Todos están acompañados dun orzamento de cero euros e insírense nun contexto de "crecente debate sobre a sostibilidade do sistema sanitario", cun "progresivo envellecemento da poboación na Galiza" e o "incremento da demanda asistencial" por enfermidades cardiovasculares crónicas.

A provedora de material sanitario é presentada como a parella idónea do Sergas na procura dunha mellor eficiencia e calidade asistencial, testando a súa tecnoloxía para optimizar os procesos de atención, diagnóstico e tratamento das pacientes.

A multinacional cedeu a súa tecnoloxía exclusivamente para as áreas recollidas nos acordos

Segundo recollen os anexos dos documentos relativos ao acordo do CHUS, do CHUAC e do HULA, facilitados a este diario pola Asociación de pacientes do CHUS, a multinacional estadounidense comprométese a ceder a súa tecnoloxía. Esta comprende un equipo de TAC e unha resonancia magnética para a área de Cardioloxía de Compostela; equipamentos diagnósticos e terapéuticos para o departamento de Cardioloxía da Coruña; ou un equipo de anxiografía radiolóxica dixital e sistemas de monitorización para o servizo de Cardioloxía de Lugo, entre outros.

En troques, os centros hospitalarios corren cos gastos de auga corrente ou electricidade, mantemento ou achegan ao seu propio persoal para empregar esta tecnoloxía.

Intereses económicos

Se ben a Consellaría de Sanidade asegurou no momento do acordo a inexistencia de intereses económicos por parte de Medtronic, nos propios anexos recóllese que esta ten "un compromiso de posicionarse estatexicamente na área de servizos e solucións". A multinacional ingresou en 2017 30.000 millóns de dólares, segundo recolle unha investigación do Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ).

Para facer un seguimento dos acordos creáronse nos hospitais os denominados comités operativos, que inclúen persoal dos centros e tamén o director de operacións de Medtronic Hospital Solutions e mais a figura dunha "consultora" designada pola multinacional para traballar in situ a xornada completa.

Durante a duración do convenio a multinacional participa na análise, diagnóstico e nas propostas para a mellora no funcionamento dos servizos. Ábrese a porta a que Medtronic ofreza tecnoloxías dispoñíbeis no seu catálogo, sempre que así o aproben os comités operativos, ou no propio acordo prevese unha destas propostas: a do incremento da teleasistencia de pacientes con enfermidades cardíacas crónicas, ou o deseño de sistemas informáticos de seguimento e monitorización das tecnoloxías aplicadas.

En agosto de 2019 publicábase a chegada de equipamentos de alta tecnoloxía a área de Cardioloxía do CHUS ao abeiro dunha investigación acordada entre o Sergas e Medtronic Ibérica, a rama da estadounidense en Portugal e o Estado español. Nela o xefe de cardioloxía do centro, o doutor Ramón González Juanatey, valorou as posibilidades desta tecnoloxía á hora de diminuír as listas de agarda no servizo.

Denuncia social

Medtronic participa en diversos acordos marco similares ao galego nivel internacional. Porén, a investigación liderada polo ICIJ, e recollida en diversos medios estatais arroxan dúbidas respecto as súas prácticas, das que se fixeron eco a asociación de pacientes do CHUS ou SOS Sanidade Pública.

A menos dun ano de rematar tres dos convenios entre o Sergas e Medtronic Fernando Abraldes, voceiro das pacientes de Compostela, lembra a opacidade coa que se asinaron. "Un procedemento que quere obviar a concorrencia competitiva doutras empresas, saltándose a Lei de Contratos e afirmando que non existía interese económico entre as partes", abunda Abraldes en conversa con Nós Diario.

É un paso cualitativo no proceso de privatización, denuncia Fernando Abraldes

O voceiro das pacientes censura que sexan os comités operativos os que decidan as necesidades económicas dos acordos. "Desde o punto de vista organizativo é un paso cualitativo no proceso de privatización da estrutura interna do servizo público", critica.

Para Abraldes a introdución da tecnoloxía de Medtronic por esa vía crea "unha situación de dependencia absoluta" dos seus servizos, que o voceiro de SOS Sanidade, Manuel Martín, sitúa "nunha estratexia de alcanzar unha posición de monopolio na comercialización dos seus produtos". 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.