Os delitos de odio contra a comunidade LGTBI medraron 71% en 2021

Manifestación en Compostela con motivo do Día do Orgullo LGBT+. (Foto: Arxina)
A maioría das agresións rexistradas nun estudo do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia producíronse na vía pública.

Un estudo elaborado pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (ALAS) da Coruña e o Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia constata un incremento dos delitos de odio na Galiza, con 82 casos en 2021, o que representa 70,83% máis que o ano anterior. Destes 82 casos, 58 "poden ser considerados como agresións cara á comunidade LGTBI galega".

Dos 82 casos, 41 foron na Coruña, aínda que, segundo os autores do estudo e en relación á comunidade LGTBI, non é que na cidade herculina haxa "máis LGTBIfobia", senón que "a xente anímase máis a denunciar".

Así o manifestou esta terza feira Pablo Zas, un dos autores do informe relativo a 2021 do Observatorio, publicado baixo o título Sacando as cores. Fíxoo na presentación do documento no consistorio coruñés, coa presenza tamén da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira.

Axuda psicolóxica

Zas explicou que a poboación que maior uso fai do servizo do observatorio ten "entre 15 e 34 anos" e unha das demandas que máis se repiten nestas idades é o acceso a gabinetes de psicoloxía "que axuden no seu día a día".

"O aumento de público é notábel e consecuentemente tamén aumentan as denuncias", puntualizou, sobre os casos contabilizados. "Até que estes datos non se comecen a estabilizar non se poderá facer unha análise de se aumenta ou diminúe", precisou.

Neste senso, Yoya Neira destacou a importancia da "visilibización" dos delitos e que "cada vez sexa menos difícil ou máis fácil" dar o paso de denunciar este tipo de condutas.

Máis consultas

Este cuarto informe reflicte que en 2021 este servizo ofrecido por ALAS A Coruña realizou 354 atencións a 201 persoas de 15 nacionalidades distintas. Estas cifras supoñen un incremento de 40% nas atencións e de 76% no número de persoas usuarias a respecto do ano anterior. No que atinxe aos incidentes de odio, o informe sinala que o principal escenario foi a vía pública, seguida, moi de lonxe, polo ámbito doméstico.