Medra a presión social contra a central hidroeléctrica de Ponte Inferno

A asociación colocou varias pancartas nos concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior (Foto: A Rente do Chan-Pladever)
O colectivo A Rente do Chan-Pladever coloca varias pancartas e carteis nos concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior.para denunciar os "abusos" sobre o río Verdugo.

O colectivo A Rente do Chan-Pladever avanzou un chanzo máis na súa campaña para frear os "abusos" sobre o río Verdugo coa colocación de pancartas e carteis nos concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior.

Consta iniciativa, que se suma á recollida de sinaturas na plataforma Change.org, o colectivo persegue que a Xunta da Galiza paralice a central hidroeléctrica de Ponte Inferno, no río Verdugo, que leva funcionando 131 anos.

Segundo denuncian, nos últimos 26 anos fíxoo incumprindo tanto a concesión como a normativas de augas e ambiental, "o que supón un atranco insuperábel para os peixes, un deterioro ambiental do río, do seu cauce e da vexetación de ribeira e provoca a desaparición de todas as especies migratorias onde anos atrás chegou a ter un coto de salmón".

Ademáis, A Rente do Chan-Pladever denuncia que este obstáculo retén tamén parte dos nutrientes que deberían chegar á Enseada de San Simón, espazo natural que incluso alberga unha importante empresa marisqueira.

Desde a asociación reclaman o fechamento da central hidroeléctrica, "dado que incumpre as restricións impostas pola Xunta da Galiza, que obrigan a rebaixar a altura do encoro de 12 metros a 6, a construír un paso para peixes e a realizar melloras ambientais ás que Naturgy ─empresa concesionaria─ fixo caso omiso".

Piden tamén que se reinicie "de inmediato" o expediente de extinción por incumprimento da concesión, así como unha explicación ao feito de que Augas da Galiza deixase caducar o expediente iniciado en decembro de 2018, "favorecendo así a Naturgy e prexudicando gravemente ao río".

Por último, esixen un compromiso ante toda a sociedade galega de "non promover unha nova concesión, senón a eliminación gradual do obstáculo, para restaurar o río á mesma situación que tiña a finais do século XIX". "A sobreexplotación do río Verdugo debe ser detida e os danos causados, corrixidos á maior brevidade posíbel", apuntan desde a asociación.