A Galiza supera os 70.000 casos de Covid-19 e medra a presión hospitalaria

Varias persoas esperan para facer unha PCR, nun punto móbil de PCR gratuítas no Naútico de Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Os novos contaxios descenden lixeiramente e a taxa de positividade baixa ao 21,8%, aínda que os casos activos seguen en ascenso.

Os casos activos continúan en ascenso na Galiza e superan este domingo a barreira dos 70.000 -72.441, concretamente-, mentres que os novos contaxios baixan dos 8.000 e quedan nos 7.838 -776 menos nas últimas 24 horas. A presión hospitalaria tamén se incrementa con 569 hospitalizados, 30 máis que na última xornada. A taxa de positividade, pola súa banda, continúa en descenso e marca un 21,8%.

Segundo os datos actualizados na mañá deste domingo pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18,00 do sábado, baixan a 54 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza -dúas menos-, pero ascenden a 515 as hospitalizadas noutras unidades -32 máis.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en todas, menos na Coruña, onde se mantén, aínda que cambia a repartición de pacientes por planta. Así, a área coruñesa conta con 126 pacientes en planta -tres máis-, pero con 14 en UCI -tres menos.

Así, Vigo mantén a 10 pacientes Covid en UCI pero rexistra 78 noutras unidades -catro máis-; Ourense continúa con oito hospitalizados en críticos, pero con 75 en unidades convencionais -sete máis-; e Ferrol, que tampouco rexistra cambios en UCI, con tres pacientes, ten a 32 en planta -cinco máis.

En Lugo, son seis os ingresados en críticos -un máis- e 57 en planta -cinco máis-; en Pontevedra hai oito hospitalizados en UCI -sen cambios- e 69 noutras unidades -cinco máis-; mentres que a área de Santiago e Barbanza continúa con cinco pacientes en críticos -sen cambios-, pero rexistra 78 noutras unidades -tres máis.

 

Casos activos

Os casos activos manteñen a tendencia ascendente -após a adaptación esta quinta feira pasada por parte do Sergas do novo protocolo de altas de pacientes infectados pola Covid que reduce os días de corentena-, e superan a barreira dos 70.000, concretamente 72.441, que supoñen 2.724 máis que o día anterior.

Por áreas sanitarias, o maior incremento corresponde á de Vigo (+1.158), seguida da da Coruña e Cee (+611), Pontevedra e O Salnés (+407), Lugo (+333), Santiago (+123), Ourense (+59) e Ferrol (+33).

Así, con máis casos activos mantense a área sanitaria de Vigo, con 18.647; seguida da da Coruña e Cee, con 14.656; Santiago e Barbanza, con 10.829; Ourense, con 8.400; Pontevedra e O Salnés, con 8.319; Lugo, con 7.547; e á cola continúa a de Ferrol, con 4.043.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade esta pasada sexta feira 14 de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días da Galiza aumenta a 3350,78 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 3192,46 de media en España.

 

Baixan os contaxios

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 baixan até os 7.838, após superar os 8.000 durante dous días consecutivos -8.614, o sábado e 8.427, a sexta feira- e após os 7.875 da quinta.

Deste modo, a Galiza acumula desde o inicio desta pandemia 335.606 contaxiados por coronavirus, dos que 77.115 corresponden á área de Vigo; 71.117, á da Coruña; 50.520, á de Santiago; 41.984, á de Ourense; 39.945, á de Pontevedra; 34.746, á de Lugo; e 20.179, á de Ferrol.

Nas últimas 24 horas realizáronse 7.722 PCR, que eleva a 3.462.903 as feitas desde o inicio da pandemia; e 10.286 test de antíxenos, que suman 1.290.948, o que supoñen 18.008 probas efectuadas entre ambas.

En canto á taxa de positividade en PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, descende até o 21,8% desde o 25,68% do sábado, o 26,09% da sexta. Así, mantense moi por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

 

Falecidos e curados

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto da Galiza ascenden a 2.845, ao notificar a Consellaría de Sanidade este sábado dous óbitos.

Mentres, 260.367 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse en todo o país desde o comezo desta crise sanitaria, que constitúen 5.112 máis que as rexistradas até o día pasado.