Henrique Sanfiz, presidente de Amega: "Os medios deben facer músculo e satisfacer necesidades sociais"

Henrique Sanfiz, presidente de Amega, falou con Nós Diario sobre o Día dos Medios en Galego.
O Casino 1889 de Carballo acolle esta tarde (20.30 horas) a celebración da terceira edición do Día dos Medios en Galego, que impulsa a Asociación de Medios en Galego, Amega, para reivindicar, mediante a palabra e mais a música da banda Terbutalina, o papel dos máis de 100 medios que se editan en galego e a súa incidencia no futuro do país. 

Que celebra a asociación este 7 de febreiro?

Queremos facer fincapé na orixe do Día dos Medios en Galego, que é lembrar heroicidades como O Tío Marcos d'A Portela (editado por primeira vez o 7 de febreiro de 1876). Que unha publicacion integramente en galego conseguise chegar a vender 4.000 exemplares nun momento en que máis de 60% da poboación galega era analfabeta é todo un éxito. Nós intepretamos que se logrou usando o galego, a ironía e o humor e, sobre todo, conectando coas preocupacións dos sectores máis desfavorecidos: labregos, mulleres… Tamén soubo crear canles de distribución innovadoras a través das feiras e mercados. 

Cómpre tomar nota?

Estamos ante un fenómeno de vibrante actualidade aínda hoxe, que reflexa que o idioma galego non foi unha pexa para a viabilidade dunha publicación xornalística senón que se puido converter nun factor positivo. 

Que mudou desde que se puxo en marcha esta iniciativa?

O avance vén sendo moi positivo. Xa cando instituímos o Día dos Medios en Galego queriamos que fose un punto e á parte na realidade da comunicación en galego. Desde 2018, pasouse das 50 cabeceiras aos máis de 100 medios grandes e pequenos. Este ano, ademais, queremos saudar tres nacementos, como sodes Nós Diario, o dixital especializado en deporte feminino As Nosas, e Mazarelos, unha revista de historia en dixital e papel.  

Cal é hoxe a saúde dos medios  en galego e centrados na Galiza?

Hai un florecemento e, diante desta realidade, queremos facer músculo para conectar coas novas tendencias do mundo da información, elaborar produtos que cheguen á audiencia e que satisfagan necesidades sociais. Máis alá deste idioma que nos serve de nexo e de símbolo, hai que dar un paso máis para configurar unha axenda informativa galega, que permaneza atenta ao que ocorre en todo o mundo, pero que non quede en escoitar só os altofalantes de Madrid. Os medios xogamos un papel importante e temos que xogalo aínda máis, no que denominamos como 'regaleguizar Galiza': promover o uso do idioma en todas as xeracións, comprometérmonos co galego, co medio rural, co ensino e a sanidade pública, co papel da muller, coas capas de poboación máis desfavorecidas… Ademais do galego como identidade, isto tamén reflexa unha maneira de estar no mundo que ten que traducirse nunha oferta plural para unha cidadanía con preferencias diversas.

Falaba do papel das mulleres. Como está hoxe nos medios?

Hai un cambio, que está en sintonía co papel preponderante das mulleres na sociedade en todo o mundo. Estase a dar unha toma de conciencia da importancia da loita feminista e da pelexa pola igualdade, polo dereito a acceder en condicións de igualdade a postos de responsabilidade, onde aínda seguen moi marxinadas. Un dos retos ten que ser afondar nesta liña.

No acto desta tarde están representadas varias Administracións. Cal é a súa incidencia no estado dos medios en galego?

O nacemento deste día, ademais de para petar na conciencia da cidadanía, buscou tamén servir para petar nas institucións, nomeadamente na Xunta, porque o seu papel de apoio até o momento foi, por dicilo suavemente, manifestamente mellorábel. Seguiremos insistindo.