Medio cento de voluntarios logran liberar tres arroaces varados na Toxa

Os golfiños da Toxa após ser liberados (Foto: Bea Císcar / Europa Press).
Os tres arroaces rescatados este sábado estaban atrapados debaixo dunha ponte da Toxa desde a pasada cuarta feira 

Medio centenar de voluntarias, convocados pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), logrou liberar este sábado ao grupo de tres arroaces que se atopaban varados debaixo dunha ponte na Toxa, no municipio do Grove.

O presidente de Cemma, Alfredo López, sinalou que os participantes quedaron "moi contentos e emocionados" por un operativo que foi "un éxito" debido a "que todo o mundo funcionou moi disciplinadamente".

Os tres arroaces ('Tursiops truncatus') ─bautizados polo Cemma como Aquelado, Capitán e Grumete─ atopábanse atrapados desde a madrugada do pasada cuarta feira, polo que ao longo da semana preparouse un operativo, coa colaboración do Concello do Grove e a Xunta, que comezou a primeira hora deste sábado, aínda que non foi até as 16 horas cando se conseguiu o obxectivo.

Nun principio, probouse cunha liña de canoas que non funcionou, pois os golfiños "pensaban que era para xogar". Após iso, optouse por que os voluntarios entrasen con neoprenos directamente na auga para formar un roda e conseguir subir aos cetáceos a unhas padiolas para pasalos alén da ponte.

Alfredo López relata que os golfiños "estaban os tres moi ben, ben de carne e sans". Pasaron "da ponte para fóra e seguen por aí preto porque se ven a primeira ollada, pero están a salvo".

Nas inmediacións instalouse unha carpa e facilitouse comida e bebida quente para as persoas voluntarias, dado que "todo o mundo está conxelado" despois de meterse na auga en pleno novembro.

Máis casos na zona

Nos últimos anos repetíronse as actuacións para liberar a cetáceos varados na zona, "até 16 animais en distintos varamentos con estes tres", enumera o responsábel do Cemma.

"Isto é como un labirinto para eles porque unha vez que entran xa non son capaces de saír", subliña. "Hai un risco moi grande" e "hai unha oscilación de marea moi alta", "e cabe a posibilidade de que queden varados en seco", advirte.

Até a data, nunca se realizou un rescate na zona tan numeroso en exemplares, pois sempre foron un ou dous animais.

Os tres arroaces son exemplares adultos que o Cemma ten rexistrados, un deles desde 2003 (chamado Aquelado). Capitán foi identificado en 2014, mentres que Grumete, que é un exemplar posiblemente xuvenil, foi localizado por primeira vez este ano.

Os tres foron observados xuntos en agosto na ría de Arousa, nunhas campañas do Cemma, que explica que "non resulta estraño" que os golfiños naveguen entre Cambados e a Illa da Toxa, aínda que non adoitan introducirse cara á parte interior da ría, dado que identifican que os fondos de area poden ser perigosos e quedar varados en baixa mar.