O ecoloxismo denuncia a batida realizada no concello de Xove

A batida de Xove aviva a polémica ao redor do lobo

O lobo atópase en toda Galiza pero é menos frecuente no litoral. / Europa Press

A batida de lobo levada a cabo o pasado domingo no concello de Xove, e autorizada pola Xunta, avivou a polémica sobre este tipo de prácticas que se realizan contradicindo o Plan de xestión da lobo, onde se decreta que de ser necesaria a actuación debe desenvolverse desde a Consellaría correspondente.

O domingo 30 de agosto, no concello de Xove levouse a cabo unha batida coa razón de darlle morte ao lobo. A medida, desatou unha vez máis a polémica entre afeccionados á caza e ecoloxistas. Os estragos ocasionados a “moitas explotacións gandeiras, tanto costeiras como de interior” foron a razón aducida desde o concello mariñán para a realización desta batida que, segundo fontes municipais, “non deu resultado” aínda que agardan ter “desprazado” o lobo. Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), o seu voceiro de biodiversidade, Martiño Nercellas, asegura que este é o resultado de "practicamente todas as batidas de lobo que se fixeron nos últimos anos".

A actuación, avalada pola Administración galega, contradí o Plan de xestión do lobo, decretado pola Xunta durante o Goberno bipartito e que segue vixente. Segundo este, e por atoparse o concello de Xove na zona 3 de risco fronte ao lobo, no caso de ser necesaria algunha acción de control debe levala a cabo a Administración e non persoas afeccionadas á caza. "As batidas, que chaman eufemisticamente control de poboación, á parte de non cumpriren criterios técnicos senón que responden á presión de determinados sectores sociais", asegura Nercellas, "denotan algo que preocupa máis e que é a maneira na que Administración trata este problema". Para o voceiro de Adega "existe un conflito e hai que darlle unha solución que ten que estar motivada polo coñecemento científico e atender as reivindicacións sociais de cada comarca e tamén as condicións económicas gandeiras e agrarias de cada lugar".

Segundo Martiño Nercellas, a Xunta debera aplicar o Plan de xestión do lobo, que "despois de 11 anos non se desenvolveu e parece que só se atende á súa medida máis drástica, que é o control da poboación". Para o ecoloxista "o problema do lobo e da gandaría non se soluciona a tiros senón con xestión técnica e vontade de atender as demandas" realizadas desde o sector. Unha cuestión que pasa pola "adopción de medidas de manexo ou preventivas, ademais de dispor de pautas compensatorias que sexan rápidas" e pola implementación de plans de "información ambiental con relación ao que é a fauna salvaxe e a biodiversidade, e ao papel ecolóxico do lobo". Nesta dirección, para a asociación ecoloxista "a coexistencia entre o lobo e a gandaría non só é posíbel, senón que é moi necesaria para manter a saúde dos ecosistemas e preservar un legado natural único". O lobo, aseguran, "actúa alí onde hai presa salvaxe polo que hai que xestionar a riqueza natural", e poñen como exemplo que "se hai unha poboación ben asentada de corzo non ten sentido que se abatan porque son posíbeis presas do lobo". "Se furtiva ou legalmente matamos lobos estamos a darlle espazo a especies como o xabarín, que terán máis éxito reprodutor", comenta Martiño Nercellas, que engade que "temos que saber dispor deste tipo de recursos".

Medidas preventivas

A asociación ecoloxista fala da importancia de previr os ataques do lobo, con medidas que "pasan necesariamente por recuperar a cultura de manexo do gando que existiu até hai poucas décadas". Martiño Nercellas lembra que "o gando necesita dunha atención continuada e hoxe en día hai moitas explotacións que xa non supoñen a actividade principal de quen as xestiona". O ecoloxista asegura que "non adoita haber tantos danos nas gandarías máis profesionalizadas, nas que hai un traballo de a cotío, para o coidado e o control e manexo do gando" posto que estes profesionais toman "medidas na recollida do gando ou perimetrais, empregan cans, fan pastoreo con presenza humana de maneira continuada". Pero logo están "as pequenas explotacións, gandaría doméstica ou complementaria que se desenvolve preto das casas e sen vixilancia", e onde o lobo fai "o seu agosto" na consecución de recursos.

O descoñecemento

Adega considera que o conflito entre a sociedade e o lobo "deriva do descoñecemento dunha especie salvaxe depredadora como é esta". "Moitas das informacións que circulan por aí non teñen ningún tipo de contraste ou valor técnico pero ninguén as cuestiona", asegura Nercellas, quen enfatiza que por tratarse dun depredador "non pode existir sobrepoboación pois a ecoloxía da propia especie encárgase de autorregularse por cuestión de recursos". O portavoz de Adega tamén fala de que as redes sociais dan lugar a "situacións que antes tiñan moi pouca repercusión, como encontros fortuítos con lobos que agora se gravan e se magnifican", e alimentan o prexuízo arredor do lobo.

A importancia de conservar o hábitat

Os ecoloxistas alertan sobre as consecuencias da perda de calidade do hábitat e do monte galegos que, segundo Nercellas vén "derivada da superexpansión do eucalipto, dá lugar a unha disfunción da biodiversidade e ao desprazamento de determinado tipo de especies", como o lobo. Ademais o portavoz de Adega engade que isto tamén causa "que determinadas especies se acheguen a zonas máis próximas ao doméstico o que deriva en que o lobo teña que buscar alí o seu alimento".