"As medidas de prevención son grave e manifestamente insuficientes", denuncian desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

O CHUS a vista de paxaro, en Compostela [Imaxe: Arquivo].

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia que nas plantas, corredores e zonas de espera dese centro hospitalario as medidas de prevención básicas como distancia de seguridade ou ventilación "non se respectan". 

“Temos constancia de que persoas inmunodeprimidas con alto risco de contaxio están sendo colocadas en cuartos compartidos de tres camas, sen ventilación, con réxime de visitas aberto e sen control por parte do persoal de planta”. Con estas palabras describen desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS a actual situación que están a padecer as persoas usuarias dese centro sanitario.

Así o denuncian a través dun comunicado onde manifestan que a Asociación "está a recibir queixas, de pacientes ingresados nas planta do Hospital Clínico de Compostela por patoloxías graves distintas da Covid-19", nas que se recollen o malestar causado pola falla "de medidas de control e prevención contra a pandemia, tanto para os doentes como para os visitantes ou acompañantes". Unha falla de medidas que achacan á insuficiencia de medios.

En declaracións a Nós Diario, Fernando Abraldes Rois, presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, manifesta a súa profunda “preocupación” perante esta situación que se está a dar no CHUS. Abraldes declara que a Asociación recibiu “queixas reiteradas de pacientes, usuarios que non estaban nas plantas afectadas de Covid-19 nin nas zonas de tensión”, que advertían que non había “nin mecanismos nin protocolos de seguridade que si se están esixindo noutros ámbitos da vida social”.

Así, desde a Asociación manifestan a súa alarma e inquezanda pola falta de medidas de control e prevención contra a pandemia, tanto para os doentes como para os visitantes ou acompañantes, xa que, segundo indica Abraldes, as persoas doentes, incluso aquelas inmunodeprimidas, “moi propensas a coller infeccións”, están sendo colocadas en cuartos “de tres camas, nas que ademais, non dispón de ningún control concreto” para controlar o número de acompañantes e visitantes. 

Esta falta de rexistro, de control de acceso, é unha das principais demandas que lanzan desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. Mais non só, pois tamén fan fincapé en que nos cuartos onde conviven tres pacientes ao mesmo tempo “as distancias de seguridade non se manteñen”, xa que cambian ao longo do día libremente, polo que o grupo de persoas de contacto que acceden desde o exterior é “amplo e imprevisíbel”.

Tampouco nas zonas de espera, pois segundo apunta Abraldes “en oncoloxía, por exemplo, hai días que nas zonas de espera é imposíbel respectar a distancias de seguridade” recomendada pola OMS. “É moi grave”, lamenta.

“En oncoloxía, por exemplo, hai días que nas zonas de espera é imposíbel respectar a distancias de seguridade”, di o presidente da Asociación de Pacientes

“A nós parécenos moi grave que, mentres noutros ámbitos se insiste sistematicamente en respectar esas medidas de seguridade, incluso no estritamente privado, onde se prohiben reunións de até cinco persoas sempre e cando non sexan conviventes, no ámbito onde se debería facer un seguimento estrito, as medidas non teñen ese nivel de rigorosidade”, sentencia. 

Desde a Asociación apuntan que “case o 7% das persoas que se contaminan fano nos hospitais e no centro de saúde, e entre eles os profesionais” e, precisamente por iso, queren facer constar que hai “un certo grao de responsabilidade por parte da Administración sanitaria e, en concreto, do CHUS e do Sergas”, por non adoptaren protocolos máis estritos.

Como nota, lembra que non hai moitos anos era necesaria a habilitación dun pase para visitantes e acompañantes, mais que, non obstante, neste momento onde se require unha acción moi inmediata e moi rigorosa, “nin tan sequera son capaces de restabelecer un mecanismo como ese”, datos que facilitarían o rastrexo de darse posíbeis contaxios.

Abraldes lembra que non hai moitos anos era necesaria a habilitación dun pase para visitantes e acompañantes, mais que agora non

Aínda así, o presidente desta Asociación reitera que se trata das experiencias de pacientes que estiveron ingresados, que eles recollen agora a modo de comunicado, logo de observaren e padeceren como non se estaban a practicar algunhas das medidas de seguridade máis básicas. 

Unha situación que, di, “non se comprende”, ao toparse o sistema de saúde ao “punto do colapso”. “Se ves as cifras que se publican no CHUS diariamente, podes observar como as camas UCI están por enriba do 50%, un contexto moi comprometido, mentres que o nivel de ocupación de todo o hospital supera o 60%”, explica preguntado pola situación actual do centro.

Desde a asociación manifestan total comprensión polas persoas que acompañan as e os doentes en momentos de enfermidade, “especialmente en casos de patoloxías graves, de persoas con problemas de mobilidade ou dependentes”, e, precisamente por iso, cren que si “debe permitirse o acompañamento non asistencial”. 

Xa que logo, desde a Asociación de Pacientes e Usuarios lanzan as seguintes medidas á par que reclaman unha maior dotación de medios humanos e materiais, como: reducir o número de pacientes por cuarto, como se recomenda en calquera dos lugares compartidos con persoas non conviventes para garantir as distancias de seguridade e estabelecer a obriga de ventilación regular e controlada; control rigoroso en planta, zonas de espera e corredores con identificación mediante rexistro daquelas persoas que acceden ao lugar dos enfermos; e cribado periódico no acceso á planta das persoas acompañantes que garanta.