As medidas da nova normalidade que inaugura a Galiza

Galiza inaugura na próxima segunda feira a chamada nova normalidade [Imaxe: EP | AAPIMAGE].
A distancia de seguridade, as medidas xerais de hixiene e prevención e as limitacións de capacidade e a distribución de espazos marcan as liñas xerais da nova normalidade na que entra a Galiza a próxima segunda feira, 15 de xuño.

A Consellaría de Sanidade vén de publicar no Diario Oficial da Galiza (DOG) a resolución do 12 de xuño de 2020, onde se recollen as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase 3 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na que a Galiza entra a próxima segunda feira, 15 de xuño. 
Tal como se achega no DOG, a superación da fase 3, ben que implica que queden sen efecto as medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma, debe comportar, porén, a adopción das medidas de prevención que permitan seguir facendo fronte e controlando a pandemia causada polo coronavirus, tendo en conta a subsistencia, aínda que atenuada, dunha situación de crise sanitaria. 

En termos xerais, continúa a facerse fincapé na hixiene frecuente de mans; hixiene respiratoria; distancia interpersoal mínima de 1,5 metros; uso de máscaras cando non sexa posíbel manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos fechados; preferencia por actividades ao aire libre e de pouca duración; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatíbeis co coronavirus (febre, tose ou dificultade para respirar) ou outros síntomas, como falta de olfacto ou gusto. 

A orde recolle, así mesmo, que, sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle, a Administración galega poderá permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo, das seguintes actividades: a) Os estabelecementos que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, espazos de xogo e entretemento, así como a celebración de festas infantís. b) Os locais de discotecas e demais estabelecementos de lecer nocturno, sen prexuízo da apertura das terrazas ao aire libre. c) As festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feiras. 


Os tres puntos fortes das medidas de seguridade na nova normalidade

1. A distancia de seguridade

Será de, polo menos, 1,5 metros (en lugar de 2) ou, na súa falta, será necesario manter medidas alternativas de protección física co uso de máscara (continúa a súa obrigatoriedade para maiores de 6 anos na vía pública, en espazos ao aire libre e fechados de uso público ou abertos ao público, así como nos transportes) e de hixiene adecuadas. 


2. As medidas xerais de hixiene e prevención

Estas tamén terán continuidade na nova normalidade. Neste senso, serán aplicábeis a todos os estabelecementos, locais de negocio, instalacións e espazos de uso público así como a actividades de carácter público. En todos os casos, deberase asegurar que se adoptan as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ás características e intensidade de uso de todos os estabelecementos, locais, instalacións ou espazos, con especial atención ás zonas de uso
común e ás superficies de contacto máis frecuentes (pomos de portas, mesas, móbeis, pasamáns, chans, teléfonos, perchas etc), mais tamén, de ser o caso, ás zonas privadas do persoal traballador (tales como vestiarios, armarios, aseos, cociñas e áreas de descanso). 


3. As limitacións de capacidade e a distribución de espazos

Deberase procurar en todo caso a posibilidade de manter a distancia de seguridade interpersoal. Así, pois, os postos de traballo continuarán a ordenarse e organizaranse quendas para evitar aglomeracións, así como nos establecementos comerciais, nos centros residenciais ou en hoteis e restaurantes. Na maioría dos casos, non poderá superarse 75% da capacidade dos estabelecementos (bares, restaurantes, hoteis, piscinas, museos, bibliotecas, lugares de culto etc.). No caso específico de velorios e de enterros, contarán cunha capacidade de até 60 persoas en espazos ao aire libre ou de 30 persoas en espazos fechados, sexan ou non conviventes. 
Os parques infantís ao aire abriranse para o seu goce, mais non aqueles que se atopen no interior. No tocante ás actividades deportivas, estas contan cun límite de até 300 persoas no interior de até 1000 persoas caso sexan ao aire libre. En relación ás reunións familiares, antes permitidas sempre que non se excedesen o máximo de 15 persoas, agora coa nova normalidade estas fican xa sen limitacións de capacidade.