Os médicos internistas rexeitan os contratos de mobilidade e exixen "máis profesionais"

Facultativa do Servizo Galego de Saúde (Sergas). (Foto: Nós Diario)
A valoración do acordado esta quinta feira pola dirección do Sergas, os xerentes das áreas sanitarias e os xefes dos servizos de Medicina Interna dos hospitais, "non é positiva".

Os médicos internistas que demandan melloras no ámbito da Medicina Interna na Galiza expresaron novamente o seu rexeitamento aos contratos de longa duración en hospitais de cabeceira que inclúan desprazamento temporal a outros hospitais como os comarcais por necesidades de persoal e insisten en que "fan falta máis profesionais".

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press, un dos portavoces do colectivo de internistas que reclama "máis profesionais" en lugar de "este tipo de contratos" que temen que fagan irse fóra da Galiza os médicos que terminan a formación nesta especialidade.

A valoración do acordado esta quinta feira pola dirección do Sergas, os xerentes das áreas sanitarias e os xefes dos servizos de Medicina Interna dos hospitais, "non é positiva".

"Non nos sentimos representados", remarcaron, para puntualizar que das persoas que estaban nesa reunión non partiu a mobilización dos internistas galegos para reivindicar melloras na asistencia.

Cifras "falsas" da Xunta

O portavoz cualificou de "falsas" as cifras achegadas nos últimos días pola Consellaría de Sanidade sobre a ratio de internistas (4,5 médicos por cada 100.000 habitantes), por enriba da media estatal segundo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

"Están terxiversadas", sosteñen os médicos internistas, mentres subliñan que "fan falta bastantes máis, no canto de sobrar".

"Un parche malísimo"

Para os médicos internistas que reclaman melloras "non ten sentido negociar" cos xefes "colocados" pola Administración sanitaria galega, e insisten no seu "desacordo" co proposta consensuada na tarde da quinta feira.

Por todo iso, insisten en que para mellorar a "calidade asistencial", "fan falta máis" internistas na Galiza e non "ese tipo de contrato" con mobilidade. "É un parche  malísimo", conclúen.