Médicos de familia advirten dunha sétima vaga se se alivian todas as restricións

O certificado Covid só é obrigatorio en residencias e hospitais (Foto: Úrsula Prego).
A Sociedade Española de Médicos de Familia e Médicos Xerais cre que aínda é "cedo" para retirar todas as limitacións, ao tempo que alerta de que a sexta vaga "aínda non está superada".

A Sociedade Española de Médicos de Familia e Médicos Xerais alertou esta segunda feira do risco dunha sétima vaga de Covid-19 se se alivian todas as restricións para frear os casos.

O portavoz da sociedade, o facultativo lugués Lorenzo Armenteros, puntualizou que "á vista da experiencia que tiveron no Reino Unido e en Dinamarca coa relaxación das medidas de seguridade", pódese "correr ese risco [de sétima vaga]". "E podémolo correr porque tanto nun como noutro país os casos disparáronse na medida que se puxo a relaxación", apostilou.

Armenteros reiterou que é "cedo" para aliviar as limitacións, e avoga por que "esas medidas de relaxación se dean máis tarde e cunha maior seguridade". "Non utilicemos palabras como gripalización ou endemia e falemos mellor de que hai un control da enfermidade; con menos casos, con menos capacidade de infección e que teñamos a mínima posibilidade de que poida mutar o virus ou se reduza a capacidade de contaxios", manifestou.

Este portavoz dos médicos xerais advertiu que "parece que hai unha decisión tomada, da redución de medidas de protección". "E na nosa opinión tiña que ser máis tarde e con máis seguridade no control da enfermidade", matizou.

Cuarta dose da vacina

Seguidamente, sobre a administración dunha cuarta dose da vacina, Lorenzo Armenteros sinalou que se tería que "falar de revacinación, máis que falar dunha cuarta dose".

"Se comprobamos que dura máis tempo a inmunidade, haberá que atrasar esa cuarta dose na medida do posíbel, mais sempre supón un estímulo inmunitario nos momentos de máis risco", considerou.

Se a efectividade no tempo é menor si que ten claro que haberá cuarta dose da vacina. Sobre a sexta vaga, Armenteros sostén que "aínda non está superada, e a curva está a descender dunha forma máis lenta do que inicialmente cabía esperar, pero paralela a como foi o ascenso". "Si que podemos dicir que a sexta vaga vaise reducindo, facéndose un pouquiño plana. Podemos dicir que imos un pouquiño mellor", concluíu.