Médicos din 'basta' á falta de recursos na atención sanitaria

MUD e Fegal criticaron a falta de recursos e a precariedade laboral que viven na atención sanitaria [Imaxe: MUD].
A asociación Médicos Unidos polos seus Dereitos (MUD) e Facultativos Eventuais Galegos en Loita (Fegal) criticaron a falta de recursos e a precariedade laboral que viven na atención sanitaria.

Facultativos Eventuais Galegos en Loita (Fegal) e a asociación de Médicos Unidos polos seus Dereitos (MUD), ao carón doutros colectivos, organizaron concentracións en todo o Estado español diante da sede do Goberno de cada territorio para dirixirse aos gobernantes e solicitarlles que “deseñen orzamentos acordes á sanidade que a nosa sociedade merece”, “que se promova unha atención sanitaria de calidade e se respecte a equidade en todos os territorios”, “que se erradique definitivamente a precariedade laboral instaurada de forma crónica no noso sistema sanitario” e que “se dea voz e autonomía” ás e aos profesionais médicos “á hora de planificar a atención sanitaria”. 
Desde MUD e Fegal critican que o Estado español ten unha “sanidade en coma” como resultado “dunha falta de investimento” prolongada no tempo. “Unha sanidade que chegou ao bordo do abismo nesta pandemia”, comunican a asociación de facultativos nunha nota de prensa. Tamén fan fincapé na precaria situación que viviron nos seus postos de traballo durante a crise sanitaria, onde estiveron expostas e expostos “sobrevivindo só grazas ao esforzo monumental e incondicional” dos propios profesionais sanitarios. 
“Seremos capaces de saír airosos dun probábel rebrote próximo se contamos cuns sanitarios exhaustos e maltratados? Poderemos asumir as tremendas listas de espera que se xeraron cuns sanitarios ao límite?”, cuestiónanse desde MUD.
Por tales motivos, Fegal maila asociación Médicos Unidos polos seus Dereitos convocaron para este sábado numerosas concentracións esparexidas por todo o territorio estatal baixo o paraugas común “Dicimos basta”. Na Galiza, xuntáronse numerosas facultativas e facultativos en San Caetano (Compostela) fronte o edificio da Xunta, onde tamén renderon unha sentida homenaxe ás vítimas da COVID-19.

A seguir, achegamos o manifesto que lanzaron, “Dicimos Basta”: 

DICIMOS BASTA á falta reiterada de recursos para a nosa sanidade. Unha falta de recursos que fai que os pacientes teñan esperas intolerábeis para acceder á atención que requiren: Demoras de días para que lles poida atender o seu médico de atención primaria, sen poder despois dedicarlle máis de 5 minutos; Atrasos de meses na realización de probas diagnósticas, que traen consecuencias nefastas para a evolución da enfermidade chegando ás veces tarde ao tratamento; Listas de esperas inteminábeis para cirurxías prioritarias, como a extirpación de tumores.

DICIMOS BASTA á falta de recursos materiais adecuados para o desenvolvemento do noso labor. Á falta das instalacións necesarias e á ausencia de mantemento das xa dispoñíbeis. Á falta de renovación de equipos e aparellos médicos indispensábeis. Á carencia de novas tecnoloxías de uso habitual noutros países. Á escaseza, que agora se fixo máis patente, de medios de protección para realizar con seguridade o noso traballo.

DICIMOS BASTA a unha precariedade laboral que vimos sufrindo todos os sanitarios desde hai décadas, e especialmente os médicos. Á FALTA xeneralizada de persoal nos persoais. Aos contratos á marxe da legalidade: Só de días para non cotizar a fin de semana; Eventuais de meses encadeados durante anos, Contratos de investigación para cubrir traballo asistencial, etc..) A non ter os descansos correspondentes tras longas xornadas de gardas.

DICIMOS BASTA ao MENOSPREZO que supón non contar connosco, os MÉDICOS, os principais coñecedores da realidade asistencial e investigadora, para a organización e planificación do noso sistema sanitario. ESIXIMOS ao presidente/a e o seu conselleiro/a de sanidade que se reúnan xa connosco. De non facelo demostrarían unha vez máis que a nosa saúde non lles importa. Que senten a escoitar as nosas propostas e cumpran cos compromisos acordados determinando datas concretas. XA ABONDA de promesas electorais que nunca se cumpren. XA ABONDA de utilizar a nosa sanidade como publicidade electoral e logo esquecela e deostala. NECESITAMOS gobernantes que estean á altura dunha vez por todas.

Por último DICIMOS BASTA á INDEFENSIÓN e DESATENCIÓN sufrida durante esta pandemia, na que non se nos proporcionou a información, formación e os medios de protección necesarios para realizar o noso labor con seguridade. Expoñéndonos a un risco maior do inevitábel, converténdonos no país líder en sanitarios contaxiados por Covid19. Moitos deles, desgraciadamente, non o lograron superar. A eses compañeiros queremos hoxe RENDER HOMENAXE cun minuto de silencio. Queremos agradecerlles a súa dedicación e valentía. NUNCA os esqueceremos. Coa súa perda unha parte da nosa sanidade queda ferida para sempre.