Os médicos denuncian que o “colapso” na sanidade pública galega é continuado

Foto de arquivo dun corredor de Urxencias dun hospital galego.

Sindicatos Cesm e O`Mega sinalan os “xestores” como responsábeis do desbordamento.

 

Os médicos tamén din basta. A situación da sanidade pública volve poñerse baixo os focos a raíz dos colapsos nos servizos de urxencias por mor da vaga de gripes e os profesionais lembran que estamos nunha situación preocupante. Os sindicatos Cesm e O’Mega advirten que o “colapso” na sanidade pública xa non é circunscrito a datas determinadas. Antes esta situación dábase en momentos concretos, como as vagas de gripe, mais agora e4stariamos perante outro escenario.

 

Así, ambos os dous sindicatos indican que os problemas son constantes durante meses, comezando a finais de xuño e alongándose até febreiro do ano seguinte. Unha situación con médicos “desbordados” e cos puntos de atención continuada (PAC) nunha situación complicada, totalmente saturados. Non se inviste en atención primaria, denuncian os médicos, e iso, xunto coas políticas de recortes, pasan factura.

 

A Lei de Saúde de Galiza que impulsa o goberno galego non vai solucionar estes problemas, consideran estas centrais, pois non se inviste na atención primaria, o primeiro elo da cadea de sanidade pública.

 

Estes facultativos exixen da administración que poña os medios materiais e humanos que sexan precisos para reverter a situación. “A poboación non se merece a atención que se lle está a dar”, denuncian. Os sindicatos sinalan os “xestores” como os responsábeis desta realidade de saturación e desbordamento na sanidade pública.