Médicos denuncian que hai cen "prazas ocultas" de Atención Primaria que Sanidade non cobre

Porta de acceso a un centro sanitario de Atención Primaria, o pasado ano (Foto: Europa Press).
"Desterrar a precariedade laboral é unha das medidas máis urxentes que ten que adoptar o Sergas", advirte a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM Galiza) denunciou esta segunda feira a existencia de "cando menos cen prazas ocultas" de Atención Primaria que "están sen cubrir" nas distintas áreas sanitarias do país, e exixiu ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que "sexan ocupadas urxentemente con carácter interino" para así "tratar de atenuar a insoportábel situación que viven os facultativos por falta de persoal".

Así o expuxo a CESM nun comunicado, no que explica que "mentres non se cubran esas prazas de forma interina non poderán saír ao concurso de traslados, cernando así os dereitos de moitos profesionais sanitarios que optarían a elas en busca dunha maior conciliación familiar", e non desbota que detrás desta "actitude da Administración" se agoche "a intención de amortizalas", polo que reclama "accións urxentes".

CESM Galiza expón que, tras dous anos de pandemia nos que se viviron "situacións insólitas no tocante á falta de medios humanos e materiais, cunha insoportábel carga de traballo e cunhas nefastas consecuencias para a saúde de centos de profesionais sanitarios", xa "é hora de que leven a cabo as accións urxentes" que veñen reivindicando "desde hai case unha década".

Os facultativos reclaman, neste senso, "un incremento de persoal progresivo nos tres próximos anos, coa creación das prazas de facultativo necesarias para que desenvolvan todas as súas competencias, para cubrir as ausencias ordinarias e extraordinarias e para cumprir os criterios de calidade con 1.250 tarxetas sanitarias individuais (TSI) para os médicos de familia" e, engade, "900 para os pediatras, e coas axendas limitadas a 30 pacientes como máximo, repartidos entre 25 de demanda presencial, telefónica, domicilios e cinco de urxencias".

A respecto diso, consideran a estabilidade laboral como "unha das condicións ineludíbeis para evitar a fuga de profesionais á sanidade privada ou a outros territorios e países", polo que a CESM reitera que "desterrar a precariedade laboral é unha das medidas máis urxentes que ten que adoptar o Sergas".

O Sindicato Médico esixe, aliás, "un aumento retributivo aos médicos de Atención Primaria que permita equiparar o seu salario" ao soldo medio dos médicos en Europa, agrega, "duplicando o salario actual mediante o aumento do prezo das TSI, de forma que se chegue a un salario que sexa o dobre do actual en cinco anos, sendo o primeiro ano de cando menos 25%".

"Os cadros de ansiedade, depresión e síndrome burnout multiplicáronse exponencialmente entre os facultativos como consecuencia da terríbel pandemia pola Covid-19 que atravesamos", esgrime este sindicato, polo que demanda "a implicación dos Servizos de Saúde Laboral na vixilancia da saúde e das condicións de traballo dos seus profesionais, así como a aplicación de medidas protectoras por parte dos responsábeis".