Médicos da Primaria da Coruña queren levar á Xustiza o "colapso"

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).
Recollen máis dun cento de sinaturas en apenas 24 horas para instar o Colexio de Médicos da Coruña a denunciar esta situación pola vía penal.

Un grupo de médicos da Atención Primaria veñen de iniciar unha recollida de sinaturas para instar o Colexio de Médicos da Coruña a seguir os pasos do seu homólogo en Pontevedra e denunciar nos xulgados a situación de colapso que están a padecer e que se agudizou durante o verán pola falta de persoal de reforzo. Nas primeiras 24 horas superaron o centenar de rúbricas.

"A Primaria sofre unha sobrecarga crónica que vimos denunciando desde 2014, xa que a raíz da crise económica de 2008 estamos sen substitucións nin por vacacións, nin por permisos, nin por baixas laborais. E non nos pasa só ás doutoras, senón tamén ao resto do persoal sanitario", sinala, en conversa con Nós Diario, a médica do centro de saúde do Ventorrillo (A Coruña) Rexina Basadre, con máis de catro décadas de experiencia no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Basadre salienta que, desde que principiou a pandemia, ten que atender os seus pacientes habituais e a maiores facer un seguimento das persoas coa Covid-19 que fican nos seus domicilios.

"O número de consultas depende do día, poden ser 40, 50, 60... E así non se pode ofrecer unha atención de calidade", engade.

A este respecto, incide tamén na importancia da presencialidade: "A xente pensa que non a queremos atender en persoa e protesta, como é lóxico, porque temos que priorizar doentes sen saber moi ben a quen estamos a deixar na casa. Recentemente veu unha paciente cunha mancha nas costas que non podería ter detectado por teléfono, e que resultou ser un cancro de pel. As consultas presenciais poden salvar unha vida".

"Aínda que reforzasen o persoal, non teríamos os espazos precisos para atender todos os doentes pola pandemia, como si fixeron no ensino co desdobramento das aulas", di.

"O seguinte paso é desmantelar a Primaria"

Rexina Basadre considera que o actual servizo de Atención Primaria "non ten nada que ver" co de hai quince anos, e alerta das consecuencias do seu deterioro: "Hoxe unha privatización xa non causa unha gran resposta social, e semella que están a deteriorar o servizo para provocar o seu desprestixio. E ese é o paso previo, como dicía José María Aznar, para poder desmantelalo", censura.