Os colexios médicos cualifican de "ilegal e temeraria" a proposta do Sergas de atender sen facultativos nos PAC

Enfermeiras de familia afirman que a implantación da especialidade é lenta e desigual nas distintas áreas sanitarias. (Foto: Xunta da Galiza)
"A medida non resulta axustada a dereito porque vulnera diversas normas e é contraria á xurisprudencia sobre a materia", sinala o Consello de Colexios Médicos da Galiza.

O Consello de Colexios Médicos da Galiza vén de manifestar a súa "máis enérxica oposición" aos "atallos ilegais, ineficientes e temerarios" promovidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para atender as persoas doentes nos puntos de atención continuada (PAC) cando non hai facultativos nunha quenda. Xa presentaron demandas ante as autoridades xudiciais para evitar que esta decisión chegue a implementarse.

Así reacciona o organismo esta quinta feira perante un comunicado, logo de que esta mesma semana a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés confirmase que formaría o persoal de enfermaría para actuar en casos de que non haxa médico. Unha formación que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defende porque é "rutineira" e sería unha solución á "falta de MIR" da que culpa o Ministerio de Sanidade.

Ante estes plans da Xunta, o Consello de Colexios Médicos da Galiza di estar "atónito" e denuncia que a medida "non resulta axustada a dereito" porque "vulnera diversas normas" e é "contraria á xurisprudencia sobre a materia", dado que os enfermeiros e enfermeiras asumirán "competencias que non están actualmente recollidas en ningunha norma vixente de rango legal".

Neste contexto, o colectivo profesional insiste en que a solución non só é "inútil" para resolver as carencias actuais dos centros de saúde, senón tamén "cuestionábel no plano xurídico", até o punto de que "pode considerarse executada en fraude de lei".

"Resulta evidente que, de desenvolverse este plan, xerarase entre a cidadanía unha gran desconfianza desde o punto de vista da seguridade asistencial. A un médico só pode substituílo outro médico coa titulación —especialidade— adecuada á praza asistencial", explica o organismo, que defende os equipos de Atención Primaria conformados por médico e enfermeiro, que "foron a base do éxito" durante "moitos anos".

O Consello recoñece tamén o "problema que supón a falta ou déficit" de médicos de determinadas especialidades, mais advirte que "non se deben tomar atallos ilegais para solucionar" esta carencia, senón solucións "estruturais e consistentes en construtivo diálogo cos sectores profesionais e non na simple ocorrencia baseada en criterios de custo político".

Satse exixe "medidas garantistas"

Sobre este polémico asunto tamén se pronunciou esta quinta feira o Sindicato de Enfermaría Satse, que urxe "medidas garantistas" que "avalen e apoien" os profesionais que desempeñen estas tarefas de atención nos PAC. "As profesionais de enfermaría estamos sobradamente capacitadas e cualificadas para asumir o noso traballo de PAC, porque estamos preparadas para tomar decisións e valorar cando debemos derivar ou non un paciente ao seu médico de atención primaria ou a urxencias, por medio do 061", engade, con todo, esta organización.

Tal e como lembra Satse, son estes e estas sanitarias as que levan a cabo as triaxes en Urxencias, tanto pediátricas como de persoas adultas, e son responsábeis do Soporte Vital Avanzado Enfermeiro (SVAE), polo que o sindicato non comprende "que se cuestionen as súas capacidades" á hora de asumir estas responsabilidades nos PAC.

O sindicato avala a proposta da área sanitaria de Pontevedra, mais sempre que estea acompañada de "medidas garantistas" e "protocolos" que dean "seguridade" a pacientes e traballadores. Porén, demanda que "calquera equipo completo" nun PAC estea conformado "cando menos por dous profesionais sanitarios" e que teñan unha "liña directa" co servizo do 061 para "que non queden en espera como un usuario máis".