Anuncio machista

Un médico xefe e unha enfermeira “mona” na cafetaría do CHUO

“Acórdaste do médico aquel? O xefe daquela amiga tan mona que é enfermeira (…)”. Así reza o anuncio da nova cafetaría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que CCOO e a Asociación de Mulleres Feministas de Ourense “Falando Nós” piden retirar por “machista”.

“Burdos, lesivos e machistas”. Así cualifica CCOO o anuncio da nova cafetaría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que recolle estereotipos sexistas como un médico xefe, unha enfermeira “mona”, un home que vai para anestesista e unha sogra “que sempre está de cafés”.

 

O sindicato trasladou o anuncio, difundido masivamente en folletos, ao Observatorio da Imaxe da Muller do Ministerio de Igualdade por consideralo “un atentado contra a dignidade das mulleres”. As frases, di CCOO, amosan un “intolerábel machismo” ao presentar eles como xefes e as mulleres como “subordinadas, ociosas e chismosas”.

 

CCOO tamén se dirixiu á xerencia do hospital para solicitar a retirada do anuncio e para “erradicar” este tipo de cuestións no CHUO. Tamén enviou un escrito á xerencia, ao que tivo acceso Sermos Galiza, para solicitar a eliminación do texto o Foro Feminista “Falando Nós”, que critica o “trato vexatorio dado ás mulleres na propaganda da nova cafetaría”.

 

“Falando Nós” denuncia o “menosprezo ao que estamos sometidas as mulleres” e que o machismo e mais o patriarcado “aínda están presentes na sociedade”.