Denuncian as carencias sanitarias de Matogrande

O médico só está no teléfono

A sanidade coruñesa prima a atención telefónica fronte á presencial. / Europa Press
Sucédense as denuncias á atención primaria referidas aos centros de saúde galegosa, onde se chegan a producir colas co único obxectivo de pedir cita médica. Unha situación que se orixina ao deixar de estar operativa a solicitude de vía internet e tampouco é posíbel o contacto pola vía telefónica.

O Centro de Saúde de Matogrande, na Coruña, acumula queixas polas eivas na atención primaria e pola imposibilidade de conseguir cita presencial. As persoas afectadas refiren que, independentemente da situación da doente, o centro sanitario limítase a fechar consulta telefónica unha vez que a persoa se achega ao propio edificio. Recollemos algún destes testemuños.

Pilar Gándara, de 83 anos, era até o pasado mes de febreiro “unha persoa completamente autónoma”, relata a familia, pero comezou a ter contracturas e dores que lle impedían unha correcta mobilidade. “No momento en que se achegou ao centro de saúde, a atención limitouse a unha receita de paracetamol e de relaxante muscular”, di a filla desta doente.

Cando se decretou o estado de alarma, Pilar e o seu marido, de 87 anos, acababan de instalarse nun apartamento de alugueiro. A menor autonomía de Pilar obrigounos a trasladarse do seu piso en propiedade, un terceiro sen ascensor, a un edificio que si dispuxese de elevador. Durante o confinamento, as doenzas de Pilar non desapareceron, os seus movementos víronse estreitamente reducidos e o seu compañeiro foi a única persoa que puido dedicarse a atendela posto que non se lle ofrecía atención presencial.

A mediados do mes de maio, os fillos de Pilar teñen coñecemento da situación real da súa nai, “que non podía realizar ningún tipo de movemento” recalcan. Toman a iniciativa de achegarse a unha clínica de fisioterapia no propio barrio, un profesional que logo de prestarlle atención á doente recomenda a asistencia a un especialista en reumatoloxía.

Posto que a atención segue a ser só telefónica, a familia decide afrontar o pagamento dunha consulta privada. O especialista ao que asisten diagnostica inmediatamente a Pilar de polimialxia reumática (doenza que provoca dor e rixidez nos músculos). Unha diagnose que, puntualiza ou doutor, “podía terse diagnosticado en medicina de familia”. Co informe que se lle entrega nesa clínica e pola razón de solicitar as receitas prescritas, a familia de Pilar acode ao centro de saúde, onde seguen a ofrecer unicamente atención telefónica e explican “non poden recibir o documento sen a autorización do médico de cabeceira da enferma”.

Así e todo, Pilar consegue que lle prescriban a medicación pautada na clínica privada, Celecoxib de 200 mg. Desde o momento no que comeza a tomar as medicinas a paciente recupera o movemento pero xa é finais de xuño. Case 5 meses sen atención pública presencial.

A solicitude de cita por internet leva non operativa un total de 6 meses. O centro de saúde de Matogrande, co que a redacción deste xornal non conseguiu contactar, continúa a día de hoxe a concertar unicamente citas telefónicas e a agarda para as mencionadas citas é de case un mes nalgún caso. Unha das usuarias asegura que solicitou “cita o día 31 de agosto e déronma para o 24 de setembro especificando que sería por teléfono, un doutor substituto da miña médica e que me contactarían ao longo da tarde”. Esta paciente engade que o mesmo aconteceu cunha cita que solicitou para a súa filla.

Atención deficiente das crónicas e das terapias temperás

Non é mellor a situación de persoas que xa precisabande coidados especiais antes de sermos confinados. Doenzas coma o alzheimer ou o parkinson, que requiren revisións periódicas e consultas especializadas como pode ser a neuroloxía, pasan porque os médicos de familia do centro de saúde autoricen a asistencia dunha ambulancia. Trámite que torna imposíbel non hai quen se achegue persoalmente a solicitar o servizo.

Por outro lado, a atención temperá do Hospital Materno Infantil viu suprimida recentemente a praza de terapeuta da que dispoñía, o que obriga a pais e nais a levar as súas crianzas a clínicas privadas, no caso de poder permitir ese gasto, e no caso das familias con menos recursos ao abandono e o deterioro da calidade de vida e do desenvolvemento de persoas menores de 6 anos.