Denuncian que Medicina Preventiva desatende os tests rápidos positivos entre o persoal sanitario

O Sergas desenvolve un cribado entre todo o seu persoal con tests serolóxicos de anticorpos.
Os tests rápidos da Covid-19 dispostos pola Xunta para o cribado de poboación de risco volven estar no punto de mira. Persoal sanitario advirte de que Medicina Preventiva ignora resultados positivos que segundo os protocolos poderían indicar infección activa. Denuncian descoordinación e risco para os doentes.

O pasado 1 de outubro o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, anunciou o inicio dun cribado aos case 44.000 profesionais tanto do Sergas como das entidades asistenciais dependentes mediante tests de dobre banda cedidos por Inditex. Un sistema que a Administración vén utilizando en ámbitos para os que "está indicado" e neste caso, lembrou o titular do Goberno galego, "tamén está indicado para o persoal sanitario".

As probas comezaron ao día seguinte, 2 de outubro. Desde entón, o cribado progresa en todas as áreas sanitarias. En hospitais, centros de saúde e Puntos de Atención Continuada. E conforme avanza tamén aumenta a discusión entre o persoal sanitario, os servizos de Medicina Preventiva e os equipos de riscos laborais sobre a fiabilidade dos test serolóxicos e o cumprimento dos protocolos derivados do seu uso.

Tests de anticorpos

Agora mesmo, os tests serolóxicos de anticorpos estanse empregando para o cribado inicial dunha poboación concreta. Esta técnica permite de forma rápida, barata e pouco agresiva un primeiro varrido dun grupo específico de persoas en risco que se quere estudar, neste caso, do colectivo sanitario e do persoal administrativo do Servizo Galego de Saúde

Estas probas actúan a modo de filtro, e segundo persoal médico consultado por Nós Diario, tenden a detectar moitos positivos. "Uns serán reais. Pero para poder asegurar a existencia da enfermidade haberá que confirmalo mediante PCR, que ha de ser positiva. Outros serán falsos positivos, e tamén haberá que ratificalos mediante PCR, neste caso negativa".

Desconcértame moito que nos fagan estas probas ao mesmo tempo que se discute a súa fiabilidade e se desprezan os resultados sen ter en conta os pasos estabelecidos para darlles validez.

Os tests serolóxicos identifican anticorpos IgG -caso confirmado con infección resolta, segundo o documento do Sergas 'Vixilancia da Covid-19' do 25 de setembro- e anticorpos IgM -caso confirmado con infección activa, se ben, aquí, especifica a necesidade dun "resultado positivo por unha técnica serolóxica de alto rendemento (non por un test rápido)", aclara-.

En calquera caso, confirman a este xornal profesionais médicos do Sergas, "por protocolo, a todas as persoas ás que lles saen as IgM positivas hai que facerlles unha PCR. Si ou si. Porque se non, nunca saberemos se estamos ante un caso real ou non". E aquí empeza o problema, din. "Estanse facendo todas esas probas serolóxicas, mais tamén a vista gorda cando os resultados IgM dan positivo, porque non se están solicitando as PCR de confirmación. Están dando por feito que son falsos positivos porque a paciente non ten síntomas. E a xente está empezando a queixarse porque esa escusa escóitase cada vez máis".

Sen PCR de confirmación

É o caso de Sara -nome ficticio- traballadora eventual do Sergas na área sanitaria de Pontevedra. "A pasada quinta feira estaba traballando en tratamentos de Oncoloxía no hospital de día do Provincial de Pontevedra. Ese día fixéronos os tests a todas as compañeiras salvo unha, contratada só por aquela xornada, malia que o equipo encargado viña coa intención de facérllelo só ao persoal fixo. Cando marchou dixeron que todo estaba ben".

Como eventual Sara pasou por diferentes servizos hospitalarios e de Atención Primaria nos seguintes días. "Por curiosidade, o domingo, que traballei nun PAC, entrei na miña historia clínica para ver como reflectían os resultados da proba que me fixeran e foi así, de casualidade, como descubrín que tiña as IgM positivas, o que podería indicar enfermidade activa".

Preventiva recomendoume que non lle fixese caso dos resultados, que seguise traballando como se nada, porque eran pouco fiábeis.

Sara censura que ninguén lle comunicara este resultado nin pedira a PCR que debía confirmar se tiña ou non Covid-19. "A supervisora de garda derivoume a Preventiva. Alí dixeron descoñecer quen dera a orde de facer eses tests e, a título persoal, recomendáronme que non lle fixese caso dos resultados, que seguise traballando como se nada, porque eran pouco fiábeis”.

O domingo Sara completou a súa xornada, mais como a segunda feira volvía ter contrato en Oncoloxía do hospital de día, non se contentou, ante o risco de poñer en perigo doentes inmunodeprimidos, especialmente vulnerábeis. "Insistinlles moito en que non me sentía segura e que non iría a traballar, así que despois de moitas voltas conseguín que me solicitasen unha PCR, que deu negativa. Con todo, pedíronme que permanecese illada á espera dunha segunda PCR".

Sara láiase da falta de coordinación e de protocolos claros que se teñan en conta. "Non entendo que non se tomen en serio. E desconcértame moito que nos fagan estas probas ao mesmo tempo que se discute a súa fiabilidade e se desprezan os resultados sen ter en conta os pasos estabelecidos para darlles validez", conclúe.

Surto de Covid-19 na planta de Oncoloxía

Doutra banda, o Hospital Provincial de Pontevedra vén de rexistrar un novo foco de coronavirus. Esta vez, na planta dúas de hospitalización de Oncoloxía que afecta fundamentalmente ao grupo de pacientes ingresados, pero tamén a unha acompañante -que estaría na orixe do surto- e a un profesional sanitario. Dende a xerencia da área sanitaria informan de que polo menos seis persoas gardan corentena en Montecelo, nunha zona habilitada para os casos de Covid-19. Se ben, segundo puido saber Nós Diario, nas últimas horas rexistráronse novos positivos que afectarían a dous doentes de Medicina Interna e outro de Coidados Paliativos.