A Xunta mantén a orde da exclusividade da atención telefónica

A medicina dille si á atención presencial

Mobilización do mes de febreiro para pedir solución á sobrecarga de doentes.

A información publicada por Nós Diario, na que se recollían as denuncias de diversas persoas doentes en relación a imposibilidade de seren atendidas de modo presencial nos centros de saúde, provocou a reacción de profesionais do sector médico. Recollemos as súas reinvindicacións.

A imposibilidade de concertar cita médica a través de internet, a longa lista de agarda para que a persoa doente reciba atención médica telefónica e a ausencia total da consulta persoal foron algunhas das denuncias recollidas por Nós Diario. Agora dámoslle voz aos e ás profesionais da medicina para que expliquen como se vive esta situación desde a outra marxe.

“O que se falou no xornal pode suceder nalgún centro de saúde da Galiza porque cada profesional médico ten autonomía para crear a súa axenda”, comenta o doutor Xosé Dios, que puntualiza que “a orde da Xunta é que todas as consultas sexan telefónicas”. O doutor Dios, que exerce no concello de Outes explica que, "como profesional podes aceptar ter todas as consultas telefónicas ou ter o que se chama a consulta programada que é unha consulta de presenza física". No caso de Xosé Dios explica que ten "desde o principio da pandemia, catro consultas telefónicas e unha programada e alterno así toda a xornada até facer as 28 consultas".

A mesma situación vive a doutora Esther Mato, do Saúde de Monte Alto, na Coruña, que aclara que "medicina presencial si que imos facendo, cada unha á súa maneira, eu xa vou sacando crónicos desde hai un mes, veñen ao centro de saúde, pido analíticas ou consultas pendentes con especialistas...". E reivindica que, coma ela, "a maior parte da profesión, xente que está comprometida cos seus doentes e que pasa un pouco desa directriz da Administración, xa está a facer consultas presenciais".

"En concellos como no que estou eu", asegura Xosé Dios, "onde hai xente que igual non ten nin acceso a internet e 20-25% ten moi pouca cobertura telefónica, o problema complícase moito". Este médico de familia puntualiza que "no referido á xente maior, moitas veces nin enten- de como funciona o teléfono, porque ademais nos fogares 

agora só hai teléfonos móbiles" e reivindica que nun contexto así "non atender doentes na consulta", como exixe a orde da Xunta, "é miserábel e dramático". "Como consecuencia dos recortes de once anos dos gobernos de Feixóo", apunta o doutor "cada profesional actúa do modo que considera", nun contexto sen substitucións médicas.

En relacion ás listas de agarda para consulta telefónica, o doutor Dios especifica que, aínda que non quere escusar ningún profesional "se hai lista de agarda telefónica en xente que só consulta desa maneira, quere dicir que foi aceptada pola xerencia do centro, da área sanitaria correspondente". Pero ambos os dous profesionais médicos ven tamén a súa parte positiva á atención telefónica, porque "neses cinco ou seis minutos falas co paciente e dirixes ti a exploración e, en función dese primeiro traballo, concertas a cita presencial", afirma a doutora Mato.

Esta profesional destaca tamén como valor positivo deste tipo de asistencia que axude a "erradicar a tendencia que había de acudir ao centro con ese concepto desintegrador de saúde, de consulta a demanda e de estar no médico en compás de espera". Algo no que coincide o doutor Dios que di que así "se reduce a demanda pero non se pode pasar do negro ao branco".

Solucións á enfermidade mental e á campaña da gripe

O doutor Xosé Dios quere destacar que neste momento "estamos a ter moita enfermidade de tipo psiquiátrico e ver a persoa doente xa che dá 90% de información sobre como se atopa", mentres, asegura este médico, "por teléfono é moi difícil interpretar as moitísimas das sensacións que ten o doente". "A consulta telefónica en si mesma é moi complicada", remarca o médico de Outes, "e tamén moi cansa porque require un esforzo intelectual evidente e porque hai moita máis marxe para o erro".

Sobre a próxima campaña da gripe, a doutora Esther Mato explica que no seu centro de saúde "e cónstame que se fai noutros tamén", afirma Esther, "elaboramos un circuíto que separa por un lado a xente que se vén vacinar e, por outro, e o resto de pacientes de maneira que non teñen que coincidir entre eles".