Médicas do centro de saúde de Ribeira denuncian a falta de persoal

Algunhas das afectadas cun representante da CIG. (Foto: Cedida)
Aseguran que hoxe mesmo 5 facultativas están a atender un ambulatorio cuxo cadro de persoal é de 18 doutoras e doutores.

Un grupo de médicas do ambulatorio de Ribeira, co apoio da representación da CIG, exixe á Consellaría de Sanidade -e máis concretamente á xerencia de xestión integrada do Sergas da área- que ofreza solucións ante a falta de persoal. Denuncian que, por exemplo hoxe, cinco facultativas encárganse do traballo que debe facer un cadro de persoal de 18 persoas.

Esta situación de baixas (por distintos motivos) sen cubrir implica máis presión para as e os doutores e ao mesmo tempo non garante totalmente “unha axeitada calidade asistencial” para as pacientes.

As autoras desta denuncia aseguran que as “ausencias non cubertas da categoría de facultativos” nese centro de saúde son crónicas. Malia que xa eran habituais antes do coronavirus, afirman que coa chegada do mesmo “se viron agravadas”.

O exemplo é moi gráfico pois, segundo explican, de forma habitual debería haber 9 médicos de familia pola mañá e outros cinco na quenda da tarde, así como catro pediatras. Pero “a data de hoxe o cadro de persoal ten tres médicos de familia e dúas pediatras para todo o centro”.

Atención derivada da Pobra

De feito, a ausencia de compañeiras neste servizo de Atención Primaria sen substitución non é o único problema. Ao non estar dispoñíbel tampouco a pediatra da Pobra do Caramiñal, os casos derívanse a Ribeira.

“A consecuencia disto as nosas axendas, que xa están bastante aumentadas pola pandemia, se viron agravadas por ter que asumir os cupos dos demáis facultativos, que por motivos persoais xustificados (baixas, permisos familiares…) non pudiron acudir ao centro”, lamentan.

De 35 até 60 e 80 pacientes

As atencións normais dun día son 35, pero falan de 60 pacientes e mesmo de 80, un agravio para todas e todos. Aínda que moita da atención non é presencial “a maioría están sendo chamados máis de 2 horas despois do seu horario de cita, a outros se lles atrasa a cita para días posteriores”.

Aliás, aquelas persoas que si poden acceder a consulta dispoñen de “menos tempo do recomendado, dada a imposibilidad de atender 70 pacientes na mañán, máis as urxencias que podan surxir no transcurso da quenda de mañán no centro”.

Levan denunciando a situación desde marzo pero aínda non obtiveron resposta malia que cada vez é máis difícil traballar con estas condicións.