Medic@s do CHUVI atribúen a morte da octoxenaria ao colapso crónico do servizo

Denuncian unha "situación caótica" e aseguran que non se producen máis mortes grazas ao seu esforzo. A dirección do complexo hospitalario, que desvinculara a morte da falta de medios, recoñeceu a pasada quinta feira que existia unha importante saturación no centro e que a anciá levaba días sen comer.

 

Nun comunicado feito público e asinado pol@s facultativ@s do Centro hospitalario universitario de Vigo, que tamén foi enviado á consellaría de Sanidade e ao presidente da Xunta de Galiza, @s médicos do CHUVI denuncian o "colapso crónico" do hospital e atribuíron a morte da octoxenaria falecida mentres agardaba a ser atendida durante máis de 3 horas á falta de medios e "á situación caótica" que padece o centro. 

Neste senso, @s facultativos de urxencias aseguran que, ao contrario da posición defendida pola dirección do hospital, durante a terza feira non contaron con espazo libre para atenderen @s doentes e que mesmo se viron na obriga de empregaren emprazamentos destinados a pacientes críticos para dar saída á morea de casos que colapsaban urxencias. Segundo o comunicado, o colapso foi minguando a partir das doce da noite e non antes, após o falecemento da anciá. 

@s médic@s denuncian que o presidente da Xunta puxese en dúbida a súa profesionalidade ao asegurar que se investigaría se existía "un erro na diagnose previa" da anciá

No seu informe, @s médic@s denuncian as verbas pronunciadas polo líder do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo quen asegurou en comparecencia de imprensa logo da xuntanza do Consello da Xunta que se levaría a cabo unha investigación para determinar se existía "un erro na diagnose previa" poñendo en dúbida, xunto coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a labor desenvolvida pol@s profesionais no exercicio das súas funcións. Segundo @s facultativ@s o falecemento da octoxenaria tivo a ver de maneira directo coa falta de medios dispoñíbeis nas urxencias do hospital e alertan de que a situación "non acontece máis veces" en boa medida grazas "ao esforzo" realizado pola propia equipa médica. 

O comunicado foi asumido polo Colexio de Médico de Pontevedra e vén a apoiar as teses defendidas polos grupos da oposición que denunciaron a grave situación que actualmente viven algúns dos centros hospitalarios do país. "Os recortes matan", espetoulle o deputado nacionalista Carlos Aymerich na Comisión de sanidade á representante do Goberno galego.