Á medianoite comeza a desescalada

Imaxe da clientela dun restaurante, ceando no interior, o pasado mes de abril. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Galiza afronta esta medianoite o inicio da desescalada, coa que se consolidan as novidades para os horarios da hostalaría, que xa desde hoxe se viron favorecidos polo alongamento do toque de recoller até a medianoite.

A desescalada que se inicia co fin do estado de alarma este domingo consolida as novidades para os horarios da hostalaría, que xa desde hoxe se viron favorecidos polo alongamento do toque de recoller até a medianoite.

Á marxe da ampliación da hostalaría, co feche dos bares ás 23 horas e dos restaurantes á 1 da madrugada, regresa a mobilidade, mantense o toque de recoller entre as 23 e as 6 da mañá en cinco municipios e seguen as mesmas restricións no número máximo de persoas por grupo en reunións.

Galiza tamén poderá recibir visitantes desde este domingo, cando quedará igualmente sen efecto o toque de recoller para a maioría da poboación, salvo en municipios con máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes, que tamén estarán fechados perimetralmente e coa prohibición de reunións de non conviventes.

A Xunta tamén fixou a prohibición de reunións entre a 1 e as 6 da mañá. É dicir, pódese circular pola rúa sen motivo xustificado pero non pode haber encontros nin en domicilios nin exteriores.

Esta última limitación, segundo dispón a orde da Consellería de Sanidade que publicou este venres pola noite o Diario Oficial de Galicia (DOG), contempla excepcións como os matrimonios que non compartan domicilio, persoas que vivan soas, pais e nais que non convivan cos seus fillos e fillas e a atención de menores, maiores e dependentes, entre outras actividades.

Xa desde o sábado, as novas medidas tamén permiten servir ceas nos estabelecementos con licenza de restaurante até a 1 da madrugada, mentres que os bares poden abrir até as 23 horas.

Ratificación xudicial

As restricións que se manteñen e as que se engaden entrarán en vigor á medianoite, aínda que non se pronunciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para ratificar aquelas que afectan a dereitos fundamentais.

Con todo, tal e como recoñeceu este sábado o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o Goberno autonómico "aínda non" solicitou esta aprobación, senón que prevé facelo "probabelmente" o luns.

Durante os dous estados de alarma vividos desde marzo de 2020, as autoridades puideron aprobar medidas acordes á situación de crise sanitaria. "E poderán seguir facéndoo a partir do 9 de maio", asegura, nunha entrevista concedida a Europa Press, a presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, María Dores Rivera, que advirte non obstante que os órganos xudiciais "non son os que deben de indicar ou instruír" ás institucións sobre a fórmula de dirixirse a eles para ratificar as medidas.

É a Lei 29/1998, de 13 de xullo, da Xurisdición Contencioso-Administrativa a que esixe o visto e prace. Así, explica a maxistrada, esta norma establece que a súa tramitación "terá sempre carácter preferente" ao considerarse de urxencia, polo que as solicitudes resolveranse nun máximo de tres días naturais.

No caso de que o TSXG as tombase, o auto poderá ser recorrido en casación ante o Tribunal Supremo, de acordo coa recente modificación legal que acometeu esta semana o Goberno cun Real Decreto-Lei. Para a presidenta da Sala do Contencioso do TSXG, esta posibilidade contribúe non só a "intensificar as garantías na protección dos dereitos dos cidadáns", senón tamén a asegurar "a uniformidade" na aplicación do dereito.

Catro niveis

Así as cousas, as medidas aínda se manteñen en función da situación dos concellos, repartidos en catro niveis en función da incidencia do virus. No nivel de máximas restricións están desde o domingo cinco concellos (1,3% da poboación): Cambados, Cualedro, Laza, Padrón e Vilanova de Arousa.

O nivel de máximas restricións supón feche perimetral, prohibición de reunirse a persoas non conviventes e hostalaría fechada, unicamente con posibilidade de entrega a domicilio ou recollida no local. Haberá toque de recoller entre as 23 horas e as 6 horas da madrugada.

O nivel alto de restricións abrangue un total de nove concellos (3,7% da poboación): A Laracha, A Merca, A Pastoriza, Coristanco, Gondomar, Marín, Mesía, Ribeira, Salceda de Caselas.

As medidas do nivel mantéñense como até agora: hostalaría só en terrazas a 50%, reunións de non conviventes de catro persoas en lugares fechados e seis en exteriores.

No nivel medio están, desde este domingo, un total de 28 concellos, 24% da poboación galega: Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Chantada, Meira, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Cangas, O Porriño, Tomiño, Tui, Vigo, Nigrán, Lalín, Silleda, Ames, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos e Cambre.

Neste nivel, a hostalaría pode abrir a 30% no interior e a 50% en terrazas. As reunións están limitadas a seis persoas en exterior e catro en interior.

Finalmente, o nivel medio baixo inclúe a 70,8% da poboación, en cuxos municipios, 271, hai unha incidencia por baixo de 150 casos por cada 100.000 habitantes.

A hostalaría ten aforamentos de 75% en terrazas e do 50% no interior e as reunións mantéñense igual: seis persoas en exteriores e catro no interior.