Media residencia, contaxiada de Covid en Compostela

Sanidade actualiza os datos Covid de segunda feira a sábado, mais xa non inclúe as residencias. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Tras superar dous anos de pandemia libres de Covid, usuarias e persoal da residencia pública Volta do Castro, en Compostela, afrontan un gromo de coronavirus que afecta perto de 50% das persoas residentes.

Coa volta á normalidade tras dous anos de pandemia sen grandes sobresaltos por mor da Covid, a residencia pública de maiores Volta do Castro encara o seu primeiro gran surto de coronavirus. Faino con perto de 60 persoas contaxiadas, practicamente a metade dos residentes que acolle estes días.

Sen precisar o número de casos exactos rexistrados, fontes da Consellaría de Política Social confirmaron o gromo a este xornal, o primeiro desta envergadura que afecta o centro. "Practicamente todos están leves ou asintomáticos grazas ás vacinas, como ocorre noutras residencias", polo que á espera de ver como evolucionan, contan con que os primeiros positivos "comecen a negativizar no prazo de sete días".

O coronavirus entrou na residencia Volta do Castro co novo protocolo de vixilancia Covid en vigor. A estratexia actual centra a súa actuación en ámbitos e grupos vulnerábeis, nomeadamente de máis de 60 anos. É o caso dos centros de maiores, onde se manteñen as probas diagnósticas ante a aparición de síntomas compatíbeis. 

Foi así como deron coas infeccións que orixinaron o surto  e devolveron os confinamentos ás persoas contaxiadas. "Fan vida nos seus cuartos, sen actividades en espazos comúns  nin visitas, mais coa asistencia sanitaria do persoal de enfermaría", comenta a Nós Diario persoal da residencia.

Visitas e saídas

Desde Política Social aseguran que os protocolos non mudaron. Nin se prohibiron as visitas nin as saídas das persoas usuarias, que deben cumprir os requisitos exixidos: certificado Covid, uso de máscara e proba negativa a falta de vacina ou após máis de 48 horas fóra do centro no caso das residentes.

Con todo, para tratar de controlar a transmisión e evitar posíbeis complicacións, desde a residencia están a recomendar ─non a "impor", precisa a Consellaría─, adiar as visitas e as escapadas, onde sitúan a orixe do surto.

Ausencia do cadro directivo

En plena Semana Santa, a maior inquietude do colectivo de traballadores céntrase no período festivo e na "desaparición" da "dirección, médicos, traballadora social, psicóloga", figuras fundamentais para o contacto coas familias e o coidado das residentes, unha denuncia que non é nova e que volven formular en plena explosión de casos.

"Non é un problema de persoal, porque se manteñen os reforzos  Covid en todas as categorías", senón da ausencia radical do cadro directivo durante catro días, sen considerar as necesidades do centro e das persoas usuarias. 

BA2 de Ómicron

Julio García Comesaña explicou onte que na Galiza existe un "predominio cada vez máis alto" da variante  BA2 de Ómicron, mentres que "aínda" non se detectaron casos da XE, considerada a máis contaxiosa até a data. A secuenciación de casos continúa. É parte do seguimento das variantes en circulación, que preocupa moito aos médicos de familia.

É por iso que volveron alertar sobre o fin do uso obrigatoria de máscaras en interiores a partir da vindeira semana. É unha decisión "precipitada" e "arriscada" que "pode incrementar o número de contaxios ao longo do tempo", incidiu o portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Lorenzo Armenteros.