Media centena de concellos galegos están xa en nivel máximo de alerta

Mapa de incidencia da Covid-19 por concellos.
Os municipios Viveiro, Cerceda, O Grove, Poio, Moaña e Tomiño súmanse á lista de núcleos en alerta vermella, segundo o mapa actualizado este domingo pola Consellaría de Sanidade.

O mapa 'semáforo' que cada día actualiza a Xunta para sinalar a incidencia da Covid-19 por municipios marca xa en vermello, o grao máximo, 50 concellos, boa parte deles na franxa atlántica.

Este domingo súmanse ao nivel veremello seis novos municipios: Viveiro, Cerceda, O Grove, Poio, Moaña e Tomiño. Algún, como o caso de Cerceda, regresan á alerta máxima tras baixar a laranxa nos últimos días. Por contra, o municipio coruñés de Boqueixón, na comarca de Compostela, abandona este domingo a alerta máxima e pasa a estar marcada en laranxa no mapa de incidencia.

Ademais destes seis concellos que ingresan no grupo de municipios en alerta máxima, tamén se atopan nesta situación as sete cidades galegas, que están fechadas perimetralmente desde o mediodía da pasada sexta, día 30.

Así mesmo, están en alerta vermella os municipios de Culleredo, Ames, Arteixo, Cambre, Carballo, Fene, Muros, Narón, Oleiros, Pontedeume, Vimianzo, Teo, Barbadás, O Carballiño, Ribadavia, Verín, Cangas, A Estrada, Marín, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tui e Vilagarcía de Arousa, así como Monforte, Cervo, A Fonsagrada e Viveiro.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días. Nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol (máis de 76 casos nunha semana), Pontevedra (máis de 96), Santiago (máis de 112), Lugo (máis de 112), Ourense (máis de 120), A Coruña (máis de 276) e Vigo (máis de 332).