Medallas Castelao 2016: Cántigas da Terra; Alfredo Conde; Xerardo Estévez; Mª Teresa Miras e Xº Antonio Vilaboa

[Imaxe: Cántigas da Terra]

O Consello da Xunta vén de aprobar o decreto polo que concede a Medalla Castelao 2016 ao coro Cántigas da Terra; ao escritor e político Alfredo Conde; ao arquitecto e ex alcalde de Santiago Xerardo Estévez; á bioquímica Mª Teresa Miras Portural e ao presidente da Federación Guipuzcoana de Casas Rexionais, Xosé Antonio Vilaboa Barreiro.

A Xunta de Galiza deu a coñecer este sábado os nomes das persoas galardoadas coa Medalla Castelao 2016, unhas distincións que serán entregadas o 28 de xuño. Entre os premiados atópase o coro da Coruña Cántigas da Terra, que fai este ano un século de existencia.O coro, que actuou por vez primeira no Teatro Rosalía en 1916, é premiado por “ter demostrado polo mundo enteiro a riqueza do noso patrimonio histórico, artístico e cultural”.

Outro dos recoñecidos coa medalla é Alfredo Conde, quen fora deputado do PSdeG 12 anos e primeiro presidente do PEN Club. A súa faceta como escritor valeulle premios como o Nacional de Narrativa, o Nadal e o da Crítica narrativa galega. “Foi practicamente de todo: mariño, político, debuxante, libreiro, empregado de banca…”, recolle a Xunta nun comunicado.

Xerardo Estévez tamén recibirá a Medalla Castelao 2016. Do arquitecto e ex alcalde compostelán, o Goberno galego di, “sería imposíbel entender a cidade de Santiago de Compostela tal e como é hoxe en día”. A Xunta salienta que recibe o premio por promover “a conservación e transformación de Santiago”. Ao igual que Conde, Xerardo Estévez foi parlamentar do PSdeG.

Outra das Medallas Castelao 2016 recaeu na figura de María Teresa Miras Portugal, quen leva máis de 40 anos dedicándose á investigación no campo da neurociencia. Entre os moitos recoñecementos que avalan a súa traxectoria destacan o doutoramento Honoris Causa pola Universidad Rey Juan Carlos de Madrid; a medalla Alberto Sols de investigación en Bioquímica, o premio María Wonenburger de Investigación Científica e o premio de Investigación Científica da Comunidade de Madrid.

Xosé Antonio Vilaboa Barreiro tamén recibirá a medalla por ser “un dos mellores embaixadores” do Camiño de Santiago e da cultura galega no exterior, segundo informa a Xunta. É presidente da Federación Guipuzcoana de Casas Rexionais e  presidente de honra da Irmandade de Centros Gallegos en Euskadi.