Exército dos Panos

Mazaricos recupera o entruido tradicional

[Imaxe: Youtube]

Neste 2018 o Exército dos Panos volverá desfilar no entruido de Mazaricos. Farao o sábado, día 11, grazas á insistencia e ao labor das veciñas e veciños da parroquia de Arcos, que loitaron para que a súa tradición non desaparecese.

Neste 2018 o Exército dos Panos volverá desfilar no entruido de Mazaricos. Farao o sábado, día 11, grazas á insistencia e ao labor das veciñas e veciños da parroquia de Arcos, que loitaron para que a súa tradición non desaparecese. Xa en 2017 lograran sacar á rúa o Exército dos Panos logo de cinco anos sen o facer.

 

O desfile deste peculiar exército conta con máis dun século de historia. Sombreiros, caxatos, espadas… todo está listo para ridiculizar a invasión dos franceses na Guerra da Independencia. A Batalla da Ponteolveira segue a ter espazo na memoria de Mazaricos.

 

Un exército, sen máscaras nin antifaces, acompañado do coro dos vellos e do coro dos cegos (estes coa cara tapada). Na tradición, quen formaba parte do coro dos vellos vestíase con farrapos e carautas e representaba a parte máis cómica deste entruido. Os cegos, que cantaban e contaban historias e eran os encargados de narrar, con sátira, o acontecido no último ano, solicitaban esmola ao finalizar a representación. Con ese diñeiro pagaban os gastos do espectáculo e da festa. Completábase o abano de personaxes do entruido de Mazaricos con vestimentas gremiais que abranguían diferentes oficios, desde o médico ao limpabotas.

 

Na década dos sesenta, por mor da emigración, este tradicional entruido comezou a esmorecer. A partir dos noventa, a asociación veciñal da parroquia de Arcos resgatou a tradición e, en colaboración co Concello, agora é posíbel volver gozar do desfile do Exército dos Panos e das burlas herdadas do coro de vellos e mais do coro dos cegos.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]