Greve na xustiza: maxistrad@s e fiscais piden máis “medios, dignidade e independencia” para a xustiza

Jorge Cid, xuíz decano de Compostela
Perante os xulgados, unha masiva concentración reclamou “diálogo” ao goberno central.

 

Os xulgados de instrucción de Santiago de Compostela acolleron esta mañá unha concentración dos seus xuíces e fiscais no cadro dunha folga -a terceira dos xuíces en democracia, a primeira dos fiscais- que tiña por obxecto denunciar “a carencia de medios na administración de xustiza”, así coma chamar a atención sobre “unha serie de medida adoptadas polo goberno central que menosprezan á institución”, en palabras do xuíz decano de Santiago, Jorge Cid.

“Reivindicamos a supresión ou, canto menos, a redución das taxas; a reforma da lei orgánica que obriga @s maxistrad@s a substituir @s compañeir@s, incluso no caso de baixas de longa duración, en detrimento da súa axilidade e calidade; queremos chamar a atención sobre o drama dos desafiuzamentos e dicerlle á cidadanía que máis de 1000 compañeir@s nos@s fican na rúa cando a súa presenza e traballo son necesari@s; defendemos unha xustiza independente do Ministerio e medios para investigar a corrupción, sen policía e sen Garda Civil, xa que esas son as nosas funcións”, manifesta Ana López Suevos, maxistrada do xulgado de instrución número 1.

Doutra banda, un manifesto asinado de forma colectiva pola Asociación Xudicial Francisco de Victoria, Xuíces pola Democracia, o Foro Xudicial Independente, a Unión Progresista de Fiscais e a Asociación Profesional Independente de Fiscais, foi lido na concentración pola fiscal Pilar Fernández, quen fixo especial fincapé en que non queren que a protesta chegue á cidadanía como “unha crítica adscrita a unha ideoloxía determinada” xa que, di, esta se concibiu “mediante o consenso” e “debido á gravidade da situación”. Amais, a fiscal pide diálogo ao goberno central perante o “rexeitamento xeneralizado de toda a institución” ás reformas promovidas por Gallardón.

Neste senso, o xuíz decano Jorge Cid, quixo recalcar que @s funcionari@s da xustiza atópanse coas “mans atadas” por mor da “escasísima marxe de manobra” que permite o goberno español para “procurar solucións equitativas” en casos coma os despexos. @s xuíces e maxistrad@s reclamaron a “paralización inmediata” do proxecto de lei para reformar o Consello Xeral do Poder Xudicial, medida que ve como unha estratexia para converter o dito organismo nun “ apéndice do Ministerio de Xustiza”.