Piden recuperar a materia de Xeografía e Historia da Galiza: "A decisión carece de fundamento académico"

Mapa do Reino da Galiza que data de finais do século XVI ou comezos do XVII, elaborado en Amberes por Ioannes Baptista Vrints e Abrahami Ortellii. (Foto: Nós Diario)
Docentes de todo o país impulsan unha campaña, con máis de 3.200 sinaturas recollidas até o momento, que insta a reincorporala ao currículo do Bacharelato: "A súa supresión prexudica gravemente as posibilidades de aprendizaxe do alumnado sobre a identidade territorial e histórica da Galiza".

A Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reivindicou esta quinta feira a materia de Xeografía, Historia e Arte da Galiza na súa "integridade e singularidade", xa que entende que a súa substitución por unha nova materia denominada Patrimonio e Sociedade da Galiza "carece de fundamento académico".

A través dun comunicado, a comisión permanente da Xunta da Facultade compostelá posiciónase en contra da decisión da Consellaría de Educación de suprimir as optativas de libre configuración para o Goberno galego, Xeografía e Historia da Galiza e Patrimonio e Arte da Galiza, de dúas horas semanais.

Considera que esta decisión "carece de fundamento académico" e "fai de menos o traballo que desde as universidades e os institutos do país" realizan desde hai anos na difusión das "chaves" do pasado colectivo da Galiza.

O manifesto aprobado pola Facultade de Xeografía e Historia incide en que isto "non ocorre así con outras materias optativas creadas ao amparo desta reforma" e entende que os contidos desta materia "non deben quedar relegados" a elas senón que tamén "deben ser parte activa de materias" como Xeografía e Historia na ESO. En conclusión, a comisión insta o Goberno galego a "empregar a súa capacidade de fixar contidos en chave galega".

Máis de 3.200 sinaturas recollidas

A decisión de Educación de suprimir esta materia do currículo de 2º de Bacharelato —na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais— foi recibida con numerosas críticas por parte da comunidade educativa.

Un grupo de profesoras e profesores de todo o país impulsaron recentemente unha campaña de recollida de sinaturas a través de Change.org que xa logrou máis de 3.200 apoios.

A retirada de Xeografía e Historia da Galiza, afirman, "é a estocada definitiva a unha materia que tiña catro horas lectivas e se impartía na maior parte dos institutos da Galiza até o seu desdobramento en dúas materias —Patrimonio e Arte da Galiza e Xeografía e Historia da Galiza— de dúas horas cada unha".

A súa retirada, sosteñen, "prexudica gravemente as posibilidades de aprendizaxe do alumnado sobre a identidade territorial e histórica da Galiza".