Un estudo cuantifica os "altísimos niveis de violencias" que sofren as mulleres nais

Presentación do reaballo de MaterFem.
A asociación compostelá de Maternidades Feministas MaterFem elabora un informe sobre as distintas violencias vinculadas á maternidade, no que se inclúe a percepción de máis de 250 participantes. 

A inclusión da educación sexual de maneira transversal e específica en todos os niveis educativos, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a remuneración do traballo de coidados, con estratexias no camiño, a creación dunha renda de coidados non ligada á empregabilidade ou o impulso de leis que recoñezan a existencia de violencia obstétrica e medidas para a súa prevención.

Son só algunhas das propostas recollidas no informe do Observatorio das violencias machistas cotiás que afectan as mulleres na maternidade e as súas crianzas, un traballo iniciado pola asociación de Maternidades Feministas en Compostela (Materferm) hai un ano e que onte viu á luz coa presentación dos resultados, tras a recollida e a análise das respostas de máis de 250 participantes, e que conclúe que as mulleres sofren "altísimos niveis de violencia" na vida cotiá.

O proxecto, segundo indicou Sabela Losada, a súa coordinadora, partiu "da necesidade das integrantes de Materfem de atopar un espazo no que falar e e compartir  inquedanzas relativas ao feito de sermos mulleres, nais e feministas, dimensións que para nós son inseparábeis, pero que resulta difícil conxugar no ámbitos laborais ou sociais".

"Precisamos datos e testemuños para demostrar continuamente que as cousas das que falamos son importantes e son reais", salientou a coordinadora.

Desa colleita de información  xorde un estudo –accesíbel na páxina web de Materfem, xunto co cuestionario, aínda aberto para a recollida de máis opinións– que disgrega as violencias en sete categorías e que advirte, por exemplo, que máis da metade das participantes (60%) recoñece que prescinde de durmir para facer compatíbeis todas as súas funcións. 

O resultado, indicou Losada, queren, máis alá da diagnose, ofrecer ferramentas de transformación "nun momento no que a pandemia fixo que todas estas violencias se incrementasen de forma brutal". 

Entre as conclusións destaca a percepción respecto da violencia institucional, entendida como aqueles actos ou omisións de funcionariado de calquera orde que discriminan ou teñen como propósito dilatar, impedir o gozo e exercicio dos dereitos humanos das mulleres. Até 84% das participantes afirma ter sufrido esta violencia; un terzo delas, en "bastantes ocasións".   

Ao longo do informe identifícanse tamén violencias cualificadas como infraestruturais –que atinxen á falta de adecuación de espazos ás mulleres nais e ás crianzas, confirmadas en 98% das respostas–, económicas, culturais, psicolóxicas, xineco-obstétricas ou as sexuais, nas que a asociación inclúe tamén a ausencia de educación afectivo sexual, os partos non respectados "e que teñen consecuencias físicas e sexuais nas mulleres" ou a sexualización do corpo embarazado. 

Neste apartado, destaca o feito de que 85% das respostas son afirmativas neste campo, mentres que 95,67% manifesta ter sufrido algunha clase de violencia psicolóxica, unha manifestación que é "difusa pero que subxace ao resto de violencias" e que se traduce moitas veces en cuestionamentos e xuízos de valor sobre a  forma de maternar ou de coidar.