Máscaras pendurando da parede e fonendoscopios reparados con esparadrapo: a precariedade da UCI

Entrada da UCI no clínico. O persoal ten que deixar as súas máscaras en bolsas penduradas da parede (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)

“Non hai palabras para describir o grao de precariedade da UCI do Hospital Clínico de Santiago”, exclaman pacientes do CHUS: unha máscara por quenda para o persoal, fonendoscopios reparados con esparadrapo e butacas para o descanso do persoal sanitario rotas. A isto engaden que o persoal está sometido a unha gran "presión laboral” por parte da Xerencia. 

A terceira onda do coronavirus mantén a presión sobre as unidades de coidados intensivos (UCI) mentres estas soportan de perto a precariedade da sanidade pública. “Non hai palabras para describir o grao de precariedade da UCI do Hospital Clínico de Santiago”, exclama a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS nun comunicado remitido aos medios en que describen como na entrada da unidade se sitúan penduradas da parede bolsas brancas en que persoal sanitario “se ve obrigado a deixar nun sobre aberto as máscaras, húmidas polo uso e a suor, cando van ao baño ou a beber para logo reutilizalas”. O Sergas, engade o comunicado, só lles proporciona unha máscara por quenda.

Desde a Asociaicón de Paciente do CHUS denuncian que nas unidades UCI hai “fonendoscopios reparados con esparadrapo para poderen ser usados” e relatan como as butacas están rotas. “Deberían estar nun punto limpo e non na zona de descanso das e dos traballadores dun centro hospitalario”, sinalan. 

A Asociación denuncia que os “directivos” enxalzan a situación do CHUS e presumen de “premios concedidos por entidades que en moitos casos están formadas por empresas farmacéuticas e de equipamento sanitario, mentres que servizos como a UCI, hoxe máis esenciais que nunca para facer fronte a pandemia, están nun estado de precariedade”.

Presións laborais da Xerencia

“Os profesionais da unidade están sendo sometidos a presións laborais pola Xerencia, obrigándoos a reforzar outros servizos despois de facer a súa quenda, como represalia por exercer o dereito lexítimo á folga e por denunciar as condicións materiais en que se ven obrigados a traballar e nas que están ingresados as os pacientes que pelexan entre a vida e a morte”, denuncian.

Segundo a Asociación de Pacientes “no ámbito sanitario impera un estado permanente de excepción no que se suspenden dereitos fundamentais e no que a defensa da dignidade se persegue como se for unha conduta delitiva”, denuncian, ao tempo que se solidarizan coas traballadoras e traballadores da sanidade.

As novas críticas de pacientes do CHUS engándense ás xa recollidas onte por Nós Diario. "Camas amoreadas e abertas, separadas por cortinas de plástico, sen a distancia mínima de seguridade", denunciaba a Asociación de Pacientes. Tamén describen como hai "estantes metálicos destinados a equipamento sanitario corroídos polo óxido, portas danadas e amarradas con cordas ou cuñas de papel para poder mantelas abertas e garantir a ventilación do espazo, trípodes para a aplicación de medicamentos suxeitos con cinta plástica".