Máscaras obrigatorias até outubro? Fernando Simón di “si”

Fernando Simón durante a súa comparecencia (Foto: E.P).

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias afirma que “previsibelmente” se seguirán usando até ver se hai rebrotes da pandemia no outono.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, informou de que, “previsibelmente”, as máscaras van seguir sendo obrigatorias até que se observe se hai novos rebrotes da epidemia do coronavirus durante o outono.

Simón pronunciouse así na rolda de prensa diaria en relación ás medidas sanitarias que se van incluír nun real decreto lei, que previsibelmente se aprobará o vindeiro martes no Consello de Ministros, para actuar fronte á COVID-19 tras o levantamento do estado de alarma.

Aínda que non quixo apenas pronunciarse, Simón asegurou que a intención do Ministerio de Sanidade é manter a actual obrigación do uso de máscaras até que se comprobe se hai ou non novas ondas de epidemia a partir de outono.

"Veremos como queda a versión final do documento, pero eu creo que esta medida quedará", salientou. Actualmente, as máscaras son obrigatorias para todas as persoas maiores de 6 anos na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público sempre que non sexa posible manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros.

Con todo, están exentas de utilizalas as persoas que presenten algún tipo de dificultade respiratoria que poida verse agravada polo uso de máscara e nas que o uso de máscara resulte  contraindicado por motivos de saúde debidamente xustificados. Así mesmo, non están obrigados aqueles que pola súa situación de discapacidade ou dependencia presenten alteracións de conduta que fagan inviábel a súa utilización.