Máscaras e luvas, novos protagonistas do lixo mariño

Foto de arquivo (Adega)

Adega celebra o Día dos Océanos cunha limpeza de praias.

8 de xuño, Día Mundial dos Océanos. Unha data na que lembrar que cada ano rematan nos mares máis de 10 millóns de toneladas de lixo. Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) denuncian que este ano “observamos que moito do lixo que chega ás nosas costas son máscaras e luvas que durante a crise sanitaria nos vemos obrigadas a utilizar diariamente e cuxo uso aumentou exponencialmente nos últimos meses”.

O colectivo explica que moitas destas luvas e máscaras acaban ciscadas na contorna e fóra dos circuítos adecuados de tratamento, ao non ser depositados nos colectores correspondentes.

Desde Adega din que “cista entender como, a sabendas dos riscos que comporta unha mala xestión destes residuos, sigan dándose este tipo de accións irresponsables, non xeneralizadas, pero preocupantes. Así pois, a problemática da contaminación mariña acada, se cabe, maior intensidade nestes tempos”.

Os residuos que acaban nos mares e océanos teñen graves consecuencias para a os ecosistemas mariños, denuncian, pois máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. E poden afectar de forma directa á saúde humana, xa que moitos destes refugallos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria e chegan ás persoas.

Outra das consecuencias desta problemática ambiental é que xera grandes perdas económicas, ao facer diminuír as poboacións de pesca comercial, ao resultar degradantes de zonas destinadas ás para actividades recreativas e turísticas, ou ao requirir un enorme investimento para manter as praias en condicións ambientais e de uso óptimas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) organiza unha limpeza de praias para celebrar o Día Mundial dos. Por mor da Covid-19, desta volta, a limpeza será realizada por parte da equipa de Educación Ambiental de Adega, pois ata o momento non se poden realizar actividades de voluntariado masivas nos espazos naturais.

Así, recollerán refugallos que atope nos areais de Cabío e da Corna, da Pobra do Caramiñal.