Máscaras: competencia desleal, "ameaza para a saúde"

Levan meses sendo imprescindíbeis no día a día de millóns de persoas, unha barreira de protección perante o coronavirus. Empresas galegas que fabrican máscaras advirten que non todas as máscaras son iguais e lamentan que a Administración antepoña nas que adquire prezo a seguridade.

Na Galiza hai por volta decena de empresas adicadas á fabricación de máscaras, un elemento que neste ano e medio tornouse imprescindíbel no día a día. O alivio das restricións, coa fin da obrigatoriedade para levar máscara en exterior sempre que se garanta distancia de seguridade,  non supón para estas empresas preocupación. As máscaras estarán connosco aínda un longo período, prevén: en interiores, atención ao público, profesións de contacto coas persoas, etc... A preocupación, sinalan, reside en que algo tan importante nun contexto de pandemia como é a máscara, non está a ser tratada pola Administración en base a criterios de "seguridade", "calidade" e "hixiene".

Prezo

Unha das voces que denuncia isto é Xoán Carlos Portos, de Anovada. "Prefiren o prezo á calidade e seguridade, as Administracións compran as máscaras a China porque son máis baratas, e dannos de lado ás empresas galegas".

Portos lamenta que as licitacións que se fan por parte de organismos públicos para adquirir máscaras para, por exemplo, profesionais da sanidade "se baseen só no prezo, sen que importe a calidade", incidindo en que neste tema "calidade" é "seguridade". Explica que un produto feito na Galiza precisa pasar controis para poder homologarse, sendo sometido a un bo feixe de probas ("de filtrado, probado en 30 persoas, verificar inspiración-expiración,...), o que non sucede coas máscaras que proceden doutras latitudes "onde os criterios son moito máis laxos".

De feito, apuntan responsábeis de empresas galegas, persoal sanitario "adquire do seu peto máscaras que facemos nós", por entender que son máis seguras e garantes que o material que lles  subministran.

Doutra empresas indican: "Pesamos unha máscara das que a Xunta dá aos sanitarios: 2,5 gramos. As nosas: 4 gramos. Non é só calidade, é seguridade".

Calidade e emprego van da man

Non competimos en igualdade de condicións coas fábricas chinesas. Non é que nos teñan que favorecer ás empresas de aquí, mais si é necesaria unha equidade, unha igualdade", manifestan desde Anovada.

 Outras firmas inciden en que o nivel de incumprimento de criterios polos fabricantes chineses neste material é alto, e apuntan que os seus certificados son dunha empresa que certifica cun método que en determinados países europeos non é válido.

Esa "competencia desleal" e o feito de que desde as Administracións se estea, reiteran, a poñer como criterio principal nas licitacións o prezo por riba da calidade ou seguridade; son os verdadeiros riscos dun sector que "xera emprego aquí", apunta Anovada.

"Deberían valorar tamén á hora de adquirir unha máscara o esforzo que se fixo por parte destas empresas para traballar desde aquí, con traballadores e traballadoras de aquí e por un produto de calidade que cumpre con todos os estándares", manifesta Portos.

As máscaras, canda a vacina, son os 2 principais elementos contra a pandemia do coronavirus, acrecenta. "E se nas vacinas non se debe de andar con miramentos en canto á súa calidade, nas máscaras, tampouco".