A máscara volve ser de uso obrigatorio en centros sanitarios por orde do Ministerio

Unha muller colocaunha máscara. (Imaxe: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
Sanidade tomou esta decisión despois de non chegar a un acordo coas comunidades na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que tivo lugar a pasada segunda feira.

O Ministerio de Sanidade estabelecerá a obrigatoriedade da máscara en centros de saúde e hospitais desde esta cuarta feira, unha vez que se comunique ás Comunidades segundo fontes ministeriais. Trátase dunha orde notificada que non ten que publicarse no Boletín Oficial do Estado (BOE), polo que entraría en vigor desde esta xornada. Esta medida tómase en cumprimento do artigo 65 da Lei de Cohesión e Calidade do Sistema de Saúde, que permite a declaración de actuacións coordinadas en saúde pública.

Sanidade tomou esta decisión despois de non chegar a un acordo coas comunidades na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que tivo lugar esta pasada segunda feira, no marco do incremento de casos de infeccións por virus respiratorios. Así, a orde abarca unicamente hospitais e centros de saúde, non centros sociosanitarios ou farmacias, como estaba incluído na proposta presentada no consello interterritorial.

"Minimizar riscos"

"Despois da pandemia sufrida, aprendemos e non nos resignamos ás cifras prepandemia. Desde este Ministerio, imos seguir traballando para minimizar os riscos e protexer a saúde da cidadnía", proclamou a ministra de Sanidade, Mónica García, en declaracións aos medios.

Aínda que houbo comunidades que estabeleceron o uso obrigatorio nestes lugares antes mesmo que o Estado, como Catalunya, País Valencià e Murcia, outras expresaron o seu rexeitamento e optaron pola recomendación, como Galiza ou Madrid, entre outras.