O Goberno español aprobará a retirada das máscaras no transporte público o próximo 7 de febreiro

A máscara deixará de ser obrigatoria no tren ou o autobús o próximo mes. (Foto: Arxina)
A situación epidemiolóxica da Covid-19 é "moi estábel en todos os indicadores" e impulsa as persoas expertas a recomendar esta medida.

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou esta quinta feira que o Consello de Ministros do próximo 7 de febreiro aprobará a retirada da obrigatoriedade das máscaras no transporte público. En declaracións aos medios tras un acto do que participou o Ministerio, Darias xustificou que esta decisión vén dada porque o Estado español ten unha "situación epidemiolóxica" da pandemia de Covid-19 "moi estábel en todos os indicadores".

Isto fixo, segundo a ministra, que os expertos que conforman o Relatorio de Alertas de Sanidade decidisen que é o momento propicio para a eliminación das máscaras no transporte público. Con todo, o seu uso seguirá sendo obrigatorio, tamén por recomendación dos expertos, nos centros sanitarios, os servizos sanitarios, os estabelecementos sanitarios —como farmacias— e os centros sociosanitarios para visitantes e traballadores.

A semana pasada, Darias informou de que a posibilidade de eliminar a obrigatoriedade da máscara tamén en farmacias é un tema que se está "sopesando" atendendo aos criterios dos expertos. Esta quinta feira, a ministra non aclarou cando e se se retirará a máscara no ámbito sanitario. "Imos paso a paso", respondeu, a preguntas dos medios de comunicación.

Antes do Consello de Ministros do 7 de febreiro, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) reunirase a vindeira semana para "tramitar toda a parte administrativa" da retirada das máscaras, "participar desta medida e levala a efecto". Darias non detallou cando entrará concretamente en vigor a medida unha vez sexa aprobada polo Executivo, malia que os seus acordos adoitan aprobarse ao día seguinte no Boletín Oficial do Estado (BOE), polo que a retirada oficial das máscaras podería ser o 8 de febreiro.

Como balance, Darias defendeu que a xestión da pandemia por parte do Ministerio foi "coordinada, consensuada e cunha folla de roteiro planificada", e sempre "da man das persoas expertas". "Fase a fase, paso a paso, aprobando normativas, aprobando estratexias, plans e medidas. Cada un deses pasos fixémolo da man das persoas expertas, que nos foron asesorando en cada momento", argumentou.

Por último, tamén agradeceu á sociedade española a súa contribución á loita contra a Covid-19. "Entramos na pandemia sen cartas de navegación. Grazas ao esforzo colectivo da cidadanía, dos profesionais sanitarios, dos que conforman o SNS, do Goberno de España, comunidades e cidades autónomas fixemos fronte á pandemia", concluíu.

A máscara deixou de ser obrigatoria en contornas exteriores hai case un ano, o 10 de febreiro de 2022. Dous meses despois, o 20 de abril, tamén se abandonou a súa obrigatoriedade en interiores, agás en centros sanitarios e transporte público.