Cervo ampliará as medidas de seguridade nas festas da Maruxaina para evitar as gravacións a mulleres

Manifestación en apoio ás vítimas da Maruxaina. (Foto: Europa Press)
"Intentaremos facer unha Maruxaina segura", asegurou o alcalde de Cervo, para despois de advertir que "non hai que baixar os brazos e seguir traballando neste sentido".

A festa da Maruxaina, que decorrerá o vindeiro sábado 13 de agosto no concello de Cervo, contará con "máis seguridade" que as edicións anteriores, segundo adiantou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

O obxectivo do aumento dos efectivos de seguridade é  intentar evitar que se repita o ocorrido en 2019, cando alguén, aínda descoñecido, gravou 87 mulleres ouriñando e algunhas parellas mantendo relacións sexuais, todo isto sen o seu consentimento. Moitas das imaxes remataron colgados en varias páxinas web pornográficas.

O rexedor de Cervo asegurou que se despregará un maior operativo para ese día, facendo especial fincapé en que "como todos os anos" hai eventos neste municipio, pero que este "é, probabelmente, o máis multitudinario, o que máis xente reúne".

"Agora xa case pasou a pandemia, están a recuperarse aqueles tempos de antes. Espérase, por tanto, máis xente e espérase moitas persoas con ganas de festa e de vivir a Maruxaina", sinalou.

Necesidade do dispositivo

O alcalde argumentou que "é máis que necesario estabelecer" este dispositivo. Neste sentido, aínda queda pendente unha reunión da Xunta Local de Seguridade "para ver os distintos medios de seguridade que se van a dispor para ese día".

Os efectivos de vixilancias estarán compostos polos "corpos de seguridade do Estado español e tamén polos membros do Concello de Cervo, xa sexa a través da Policía Local ou dos GES".

"Intentaremos facer unha Maruxaina segura", asegurou Villares, para despois de advertir que "non hai que baixar os brazos e seguir traballando neste sentido".

Tres anos despois de que se producisen as gravacións das mulleres, a investigación que leva un xulgado de Viveiro continúa, neste caso coa toma de declaracións das vítimas.