Martxelo Otamendi: "Canto máis desenvolvemento lingüístico hai maior é a conciencia nacional"

Martxelo Otamendi entrou na dirección de 'Egunkaria' en 1993
Neste 2020 fanse 30 anos do nacemento de 'Egunkaria', primeira cabeceira xornalística escrita netamente en euskera, da que tomaría o relevo en 2003 'Berria' tras a ilegalización da primeira pola Audiencia Nacional española. Falamos con Martxelo Otamendi, o seu director, de tres décadas de xornalismo e lingua.

Cales foron as razóns que levaron a montar hai 30 anos Egunkaria e, despois, Berria?

Cando, no ano 90, se funda o diario, a televisión e a radio pública en euskera levaban funcionando anos. Entendiamos que á mesa da comunicación lle faltaba unha pata, que era o diario. Tiñamos semanarios, pero había que completar esa mesa. Este país e este idioma precisaban un diario en euskera que informase do que acontecía no País Vasco e no mundo en euskera, algo tan sinxelo como ocorre con tantos outros idiomas do mundo. A mesma razón, estou seguro, que levou a crear Nós Diario

Seguen vixentes aqueles motivos, pasados 30 anos?

Están máis vixentes que nunca. Agora hai unha proliferación de plataformas de comunicación que antes non existía. Cando se funda ETB, había só TVE e TVE2. De tres canles unha era a vasca. Agora tes multitude delas, a competencia é moito maior e, polo tanto, son moitos máis os motivos para reforzar os medios nas linguas propias. O mesmo pasa coa televisión. Hai mil plataformas para informarte, para pasar o tempo, máis nin son en galego nin en euskera nin en catalán, senón en español. A necesidade de ter medios e plataformas en lingua propia segue vixente. Pero é que, ademais, cando cambias de idioma, cambias de país. Vós, á selección española non lle chamades "a nosa selección", mais se cambias ao castelán moita xente dirá "nuestra selección". Pois nós aconstumamos aos nosos lectores a ler que no noso periódico Bill Clinton "vai" a Madrid. Non "vén" a Madrid. Se viaxase a Bilbao viría e non iría.

Hai mil plataformas para informarte, para pasar o tempo, máis nin son en galego nin en euskera nin en catalán, senón en español. A necesidade de ter medios e plataformas en lingua propia segue vixente

Diso quería preguntarlle. Cal é a relación da información dun medio coa lingua que emprega?

Unha lingua é vehículo de comunicación, pero despois a comunicación tamén fai que unha lingua se exprese dunha determinada maneira. Aínda que tamén é verdade que podería haber quen editase un periódico en euskera, non nós, para o que "a nosa selección" fose a española. Hoxe non sucede porque habitualmente quen traballa en linguas minorizadas ten unha concepción nacional desa nación minorizada. Mais algún día podería suceder, se tivesemos 100% de vascofalantes no país, que existisen diarios en lingua vasca cunha tendencia cara a España e que con absoluta normalidade publicasen que "Clinton vén a Madrid" ou que falase do "noso rei".  

Esa limitación da poboación euskaldun é unha barreira para un medio como o seu.

Claro, é como vender táboas de esquí en Túnez. Cando tes unha porcentaxe de 30%, 35% ou 40% de xente que di saber euskera ben –despois a lectura e escritura é algo máis complicada–, sabes que tes esa dificultade engadida. Somos consicentes da limitación, pero tamén sabemos onde estamos e que só a base de facer produtos deste tipo imos conseguir que a xente se conciencie cada vez máis da necesidade do desenvolvemento dunha lingua e dun país, dunha nación, a través do coñecemento do idioma. Canto máis desenvolvemento lingüístico hai maior é a conciencia nacional.

Nestas tres décadas, cambiou moito o medio?

Cambian os soportes, pero basicamente seguimos facendo o mesmo. Tamén cambiou a velocidade. Agora todo vai moito máis rápido pola cuestión das redes e a edición continua. Mais a cuestión segue a ser pór o euskera á par do resto de medios. Poder ofrecer aos teus lectores e lectoras unha información, da pandemia, das eleccións en USA, dos xogos olímpicos... sen ter que cambiar de idioma, porque igual cambias de país. Esa é a nosa pelexa de todos os días. 

Que retos se propón para o tempo que vén por diante?
Nós non podemos aprenderlle euskera á xente, de maneira que alguén alleo ao diario ten que facelo; conseguir que ese 35% suba até 100% e a unha velocidade superior á que imos agora. Porque temos un desenvolvemento cualitativo moi importante: o euskera hoxe ten acceso a ámbitos onde nunca estivera, como a ciencia, a investigación, a enxeñaría ou a arquitectura. Mais cuantitativamente imos moi lentos. Se conseguimos que se acelere esa recuperación lingüística, subir o número de lectores e de falantes, teremos un campo moito máis amplo no que traballar. Isto é un reto xeral para todas as linguas minorizadas, e despois está o reto de todos os medios de comunicación, porque non sabemos que vai pasar, cal vai ser a seguinte tendencia. Temos unha incógnita: descoñecemos como imos estar en 15 días ou en dous anos, pero mentres poidamos seguiremos dándolle ao pedal.

Cal sería, para vostede, o obxectivo? 

Non sei se temos un obxectivo ou o que temos é unha vida. Nela imos vivindo e imos traballando: se agora o innovador é facer unhas gráficas e actualizar todos os días con datos da Covid-19, farémolo. O reto é, entón, estarmos moi expectantes aos cambios, non facer grandes aventuras, manter a xente convencida  do que fai e, de cando en vez, facer probas. E mirar o que fan os medios que son referente e ir detrás deles sen complexos. E a ver, tamén, se entre todos conseguimos que haxa un maior desenvolvemento lingüístico.

"Só con xente desta pasta podes retar a Audiencia Nacional"

Otamendi lembra o "golpe" que foi a ilegalización de Egunkaria pola Audiencia Nacional española en 2003.

"Supuxo un ataque á liberdade de expresión e de información, ao dereito das lectoras e dos lectores de ter un arco da vella informativo, puntos de vista diversos, e supuxo 150 traballadores na rúa, 10 directivos detidos con acusacións gravísimas como pertenza a ETA ou mesmo á súa dirección, cinco días de incomunicación, e tres días de torturas para seis de nós (todos sairían absoltos)", advirte. "O que non lograron –observa– foi deixar o euskera sen xornal nin un só día".

"Estando nós detidos, os nosos xornalistas estaban xa facendo un diario, aquela mesma tarde. Iso amosa a pasta da que está feita a xente que traballa en medios en linguas minorizadas. Só con xente así podes retar a Audiencia Nacional", incide.