Martiño Noriega denuncia ameazas de morte polo pregón do entroido

Martiño Noriega

Apresentou esta segunda feira unha denuncia en comisaría e, nunha conversa telefónica, xa deu traslado das ameazas ao delegado do goberno.

As ameazas de morte foron proferidas vía redes sociais ou chamadas anónimas ao concello. Ao apresentar a denuncia na comisaría da Policía Nacional, o alcalde de Compostela achegou diverso material, desde correios electrónicos recebidos no Pazo de Raxoi até mensaxes privadas de Facebook e pantallazos de twitter.

 

Nunha comparecencia de imprensa a pasada sexta feira, o alcalde de Compostela afirmou que "o tema non é menor" e revelou que as ameazas alcanzan tamén o seu "núcleo familiar".

 

Noriega lembra que a principio do seu mandato xa denunciara ameazas por parte dun militante da extrema direita, que o tería sometido mesmo a un seguimento físico. "Esa persoa foi detida. Íase realizar o xuízo neste mes de febreiro e ao final aprázase para o final do ano. Fiscalía pede dous anos de cárcere para esta persoa porque quedaron demostradas non só as ameazas, senón tamén o seguimento", relata.

 

O alcalde de Compostela está certo de que é vítima dunha campaña orquestrada por medios e sectores ultraconservadores. "Hai xente que apunta, hai xente que dispara e hai xente que ampara e que non mide as consecuencias", afirma.

 

Noriega está no albo da caverna local -e da española, con até a intervención vía twitter de Rajoy- a partir da leitura do pregón do entroido por parte do actor Carlos Santiago, un texto de carácter satírico que foi interpretado como ofensa a símbolos relixiosos por parte de sectores moi próximos á ala máis reaccionaria da Igrexa católica.