Roi Martínez, Lorena Gil e Tomás Prado forman parte do equipo CES UVigo

Martínez, Gil e Pardo: "En Mónaco coñeceremos como traballan outros equipos e daremos proxección á UVigo"

Desde a esquerda, Tomás Prado, Roi Martínez (no quinto lugar) e Lorena Gil, segunda pola dereita. (Foto: Nós Diario)
Clean Energy Ship (CES) é o nome da asociación de alumnado da Universidade de Vigo (UVigo) que está a traballar coa empresa Marine Instruments para o deseño dun trimarán que farán navegar propulsado pola luz solar e que competirá, en xullo de 2022, na regata Solar Energy Boat Challenge de Mónaco. Nós Diario conversou con Lorena Gil, coordinadora do grupo, Tomás Prado, responsábel do equipo técnico, e Roi Martínez, encargado da mercadotecnia.

Como nace este proxecto e quen o conforman?

Basicamente naceu da colaboración de Marine Instruments coa Universidade de Vigo, a través da relación dun dos nosos profesores con Francisco Pino, fundador de Marine. Esta empresa xa levaba tempo pensando no tema, e tiña incluso outros proxectos como Regata Solar onde traballa con mocidade que está a cursar o Bacharelato e que se ocupa da elaboración de maquetas de barcos.

Pino quería participar na regata de Mónaco e quería contar con xente da universidade, alumnado, e tamén estabelecer as bases para crear unha asociación que puidese traballar dentro da escola, que puidese dar proxección ao proxecto e mantelo activo durante uns anos. Cando comezamos, en 2020, eramos cinco estudantes, agora o equipo integrámolo 12 persoas.

Unha vez teñen o casco, que é o seguinte? Cal é a maior dificultade do proceso?

O deseño do casco fíxoo unha empresa contratada por Marine Instruments, e tivemos o problema do confinamento por mor da Covid-19, porque a fabricación do casco só pode ser presencial. Aínda que nós non deseñamos a embarcación, si que estivemos seguindo todo o proceso para aprender e poder axudar no futuro. Agora deseñaremos todos os sistemas que o barco debe levar por dentro, xa temos o casco e a estrutura do barco rematada e faltan de detalles menores.

O barco ten moitos sistemas, e sendo enerxía solar terá que levar placas, baterías, mecanismos de control... O peso da embarcación é algo a ter en conta, mais non é o problema principal, os fabricantes xa teñen experiencia para darlle un peso mínimo, estamos arredor dos 120 kg, que para unha embarcación de seis metros de eslora é moi pouco. 

A partir de agora, teremos que fabricar as placas solares, facer os cálculos precisos para non ter problemas coas baterías, un control adecuado porque dentro dun ano debemos participar na regata, que conta cun funcionamento estrito ao que nos temos que adaptar, e iso tamén é unha das limitacións, facer todos os sistemas e a súa integración, iso é realmente complexo.

Ademais de contar con Marine Instruments, buscarán patrocinio ou algunha colaboración?  

Agora é cando temos que conseguir contactos e patrocinios para poder custear, de cara ao futuro, a participación nas competicións, que son bastante elevadas, xa non son só os custos de produción, que son caros, senón cuestións de transporte, levar o barco até Mónaco e as persoas que teñan que ir, a mantenza, o estabelecemento no que traballemos... Temos dous grandes piares, que son Marine e a UVigo, que nos permite sacar adiante o proxecto, mais no noso plan entra incluír novos patrocinadores. 

Fálennos da regata e da importancia da presenza do trimarán en Mónaco.

Esta competición céntrase na navegación recreativa e nela participan universidades de toda Europa. Son regatas que se centran en embarcacións propulsadas por enerxía solar pero de diferentes tipos, tamaños, con e sen piloto... O noso trimarán ten tres foils, cunha función semellante á dos aleróns, e irá pilotado. A experiencia que podemos adquirir en Mónaco o vindeiro ano é, en primeiro lugar, a de coñecer outros equipos e o seu modo de traballo.

Mais tamén é importante para a Universidade de Vigo e é salientábel ter representación neste tipo de eventos, como se ten noutros ámbitos tecnolóxicos. A presenza galega cun equipo da UVigo nun ámbito tecnolóxico dese tipo é importante.