Marisol Bello: "Cometeron unha neglixencia co meu pai na residencia"

Fachada do Centro Galego de Desenvolvemento Integran en Santiago de Compostela.
Marisol Bello denuncia a situación que está a vivir co seu pai ingresado no Centro Galego de Desenvolvemento Integral, xestionado pola Xunta da Galiza.

O pasado día 25 de xaneiro ao pai de Marisol Bello facíanlle un test de antíxenos e unha PCR e, ante o resultado positivo do primeiro, activábase na residencia San José de Arzúa o protocolo a seguir, “Sanidade notifícanos o positivo e é a Xunta quen se encarga de trasladalo en ambulancia ao Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi)”, indican desde a Fundación San Rosendo, que xestiona a residencia. 

A Consellaría de Política Social pasa a tutelar este ancián de 92 anos e trasládano ao Cegadi ese mesmo día. “Só nos informaron de que o ían trasladar a Santiago sen pedirnos consentimento algún”, comenta Bello en conversa con Nós Diario sobre o procedemento.

“Dous días despois de facerlle a PCR notifícannos que o resultado é negativo e o doutor indícanos diariamente o seu estado, que por aquel momento non tiña síntomas, mais non nos explica se lle van facer algunha proba máis”. Tan só unha semana despois, na única videochamada que puido facer co seu pai, “vexo que nuns días adelgazou moito e está deteriorado; foi operado dun carcinoma no beizo superior e precisa axuda para comer, cousa que non estou segura de que o estean a facer”. 

Ante a preocupación, Bello pide máis explicacións sobre a situación de seu pai, “na primeira semana a relación co doutor era moi agradábel, mais despois de queixarme pola falta de coidados que semella ter o meu pai e pola falta de seriedade que parece existir, a cousa cambiou”.

Bello relata ao xornal que na primeira semana de estar o seu pai no Cegadi comunicáronlle que lle ían repetir a PCR, “pero non recibimos ningunha notificación dos resultados, cando antes os recibiamos sempre dous días despois como moi tarde; o que nos fai pensar que non houbo tal proba”. O mesmo aconteceu a semana pasada, “o doutor díxonos que o día 1 lle fixeron unha proba e que saíu positiva, pero unha vez máis non recibimos notificación algunha deses resultados”. 

Actualmente “o meu pai, segundo a información que nos transmitiu o médico, ten algo de catarro e está con osíxeno e estamos a espera do resultado doutras probas”, indica Bello. O que máis lle preocupa é que “unha vez máis, ignoraron as nosas peticións de videochamada con el baixo a explicación de que podemos ir alí visitalo, pedínlle a pasada sexta feira que me chamasen durante o domingo e pasou o día e non recibín chamada algunha”. 

Marisol Bello sinala que o seu pai non tivo que ser trasladado ao Cegadi, “desde a residencia cometeron unha neglixencia, porque non esperaron a ter o resultado da PCR, que deu negativa, para movelo” e “agora terá que estar alí até o día 15, como mínimo”.