A Mariña acolle a presentación de 'Mortos por amor á terra'

Ermida na presentación de Mortos por amor á Terra no Festigal [Imaxe SG]

O libro editado por Sermos Galiza e escrito por Ramón Ermida será presentado na Feira do Libro de Foz esta sexta feira.

Esta sexta feira (19 de agosto) presentarase en Foz o libro 'Mortos por amor á terra' editado por Sermos Galiza con motivo do 80 aniversario do golpe de estado de 1936. Será en Foz ás 21 horas na Praza Conde de Fontao, no Porto, e contará coas intervencións de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza; Ramón Ermida, autor da obra, e Xosé Ramón Pacios, presidente da histórica asociación cultural mariñá Pomba do Arco. 

O acto, enmarcado na Feira do Libro, afondará no coñecemento da represión do nacionalismo na comarca da Mariña mais tamén no papel que este xogou na provincia de Lugo, considerada por históricos dirixentes como "o Ulster galego", lembra Ermida en conversa con Sermos Galiza. "Era a provincia máis adversa, onde era máis difícil a penetración do nacionalismo", unha tendencia que, no entanto, comeza a reverterse a partir de 1935. 

A provincia de Lugo foi considerado por dirixentes como Castelao como o Ulster galego polas dificultades que tivo o nacionalismo para se introducir na sociedade luguesa

Após o golpe de estado fascista de 1936 a vaga represora focaríase naqueles espazos onde se organizou unha maior resistencia rexistrándose fusilamentos e paseos no Ourol, Viviro, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova e Ribadeo.

Na presentación, Ermida debullará polo miúdo os protagonistas da nosa historia como Xavier Soto, escritor, amigo íntimo de Manuel Antonio e concelleiro fusilado. Tamén, Balbino Cerveira, fusilado en 1937 após ter sido alcalde de Viveiro. Pedro Penabad Rei, natural de Muras, aforcado en Sevilla en xuño de 1937 ou Modesto Vilar Ínsua, presidente da primeira agrupación guerrilleira galega, tamén asasinado, entre outros. 

Porén, tamén se repasará a traxectoria de mulleres como Cristina Pol Díaz, militante do Partido Galeguista e unha das grandes renovadoras pedagóxicas galegas, secretaria do Seminario de Estudos Galegos, desterrada en Ávila. 

Unha oportunidade para coñecer polo miúdo a historia do noso país e do nacionalismo galego que terá lugar tamén, entre os meses de agosto e setembro, noutros puntos do país como A Coruña, Lalín, Bueu, Compostela e Ourense, logo da presentación de Ferrol, o pasado día 16 e tamén no Festigal o 25 de xullo.